O cinema dos directores de Valdeorras chega ás casas nun festival en liña

Fotograma da película 'Sempre Xonxa', que abrirá o festival Versión Valdeorras
Versión Valdeorras achegará aos fogares as películas que recollen e poñen en valor "o que nos une inspira e emociona, e o noso cinema forma parte diso". Os filmes proxectaranse entre o 9 e o 12 de abril.

As paisaxes da comarca de Valdeorras chegan ás casas no obxectivo das súas cineastas. O festival en liña Versión Valdeorras proxectará os días 9, 10, 11 e 12 de abril cinco películas de creadoras da zona.

"Os creadores e creadoras culturais queremos aportar algo a estes tempos que son difíciles, si, pero que podemos aproveitar para poñer en valor o que nos une, inspira e emociona. E o noso cinema forma parte diso", explican as impulsoras desta iniciativa na páxina web deste festival telemático.

A carteleira inclúe cinco filmes. "Sempre Xonxa" de Chano Piñeiro, abrirá este festival o día 9. Película fundacional do cinema galego, retrata "a emigración nas súas dúas vertentes de éxito e miseria, a complexidade das relacións humanas, a lenda que se confunde coa realidade nunha aldea que vai morrendo nos montes de Galiza". A continuación proxectarase o documental-homenaxe co que Ignacio Vilar lembra a película do propio Chano Piñeiro. "Sempre Xonxa en Petín" entrevista ao elenco da obra de Piñeiro e mais as veciñas que participaron no filme.

O documental "Espírito Abertal" é a oferta cinéfila do día 10. Conta a historia do primeiro grupo de gaitas da Rúa de Valdeorras, Abertal, fundado por Manuel Durán en 1989. Cristina de la Torre e Xose González dirixen a obra.

"O desafío do Sil", de Domingo D. Docampo, introducirá o día 11 ás espectadoras na vida de Alejandro del Campo, enxeñeiro encargado do proxecto dos Saltos do Sil e de como afrontou un accidente que mudou o curso da vida das comarcas onde se realizaban as obras.

O festival pecha coa proxección de "Un bosque de música", outra obra de Ignacio Vilar. O documental, que se proxecta o día 12, narra a historia do grupo Luar na Lubre, que no momento da gravación ensaiaba para un novo disco.

“Bastaron dez minutos de mensaxes cruzadas para liar a todo o mundo para que cedera as pelis, a colegas e empresas para que axudaran coa web e a comunicación (que fariamos sen amigos), e a un montón de colaboradores que sabemos axudarán a difundilo”, celebran as impulsoras de Versión Valdeorras.