A Xunta require información ao Concello de Boiro tras as queixas de usuarias do CIM que denunciaron un trato "denigrante"

Sede do Concello de Boiro. (Foto: Google Maps)
"Queremos saber ben que pasou para normalizar a situación neste centro", afirma a conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, a teor da polémica xerada en Boiro após denunciar "malos tratos institucionais" por parte do Concello un grupo de vítimas de violencia machista.

O pasado sábado deuse a coñecer que a Xunta da Galiza ten o foco posto na situación do Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro, logo de que un grupo de mulleres vítimas de violencia machista denunciasen "malos tratos institucionais" por parte do Concello, que dirixe o socialista José Ramón Romero, tras retirarlles servizos dos que eran beneficiarias a través deste centro.

Este grupo de mulleres tamén denunciou o trato "denigrante" recibido por mor das queixas que trasladaron, entre outras cuestións, por quedar sen os servizos da técnica de Igualdade e da psicóloga infantil —moitas delas teñen fillos e fillas—, o que supuxo unha interrupción das súas terapias.

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press afirmaron que tiveron coñecemento das queixas o 5 de xaneiro por unha carta enviada ao presidente galego, Alfonso Rueda, que foi trasladada á secretaría xeral de Igualdade, que dirixe Susana López Abella. Nas últimas tres semanas, López Abella reuniuse presencialmente dúas veces co grupo de mulleres que denunciaron a situación e está en "contacto telefónico permanente" con elas.

Esta segunda feira a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, saíu ao paso da polémica preguntada polos medios de comunicación, e asegurou que desde o Goberno galego requirirán oficialmente ao Concello de Boiro unha explicación ás queixas difundidas por estas mulleres, co obxectivo de "saber ben que pasou" e colaborar para "normalizar" a situación neste centro.

Lorenzana quixo remarcar que a situación vivida en Boiro é "absolutamente excepcional" e defendeu o labor das profesionais dos CIM operativos actualmente no país, que traballan "con profesionalidade, con eficacia e con empatía".

No caso concreto de Boiro, a conselleira explicou que o seu departamento traballa xa para "coñecer de primeira man" que sucedeu, para o que requiriron ao concello que facilite a información referida ao contido das queixas. De forma paralela, procurouse que as mulleres afectadas conten con todos os recursos necesarios.

"Tentamos ter coñecemento dos feitos con tranquilidade para, se algunha cuestión se debe corrixir, que a Xunta poña da súa man para normalizar esta situación", argumentou Lorenzana.