CIG tenciona reunirse co presidente do Parlamento sobre a demora da ILP da pobreza enerxética

Un momento da reunión co BNG

17 mil asinaturas respaldan a ILP. A súa toma en consideración foi aprobada en xaneiro de 2016. Desde entón ficou varada no Parlamento galego. A CIG, entidade promotora, pide que se reactive xa.

Para a CIG, a responsabilidade na demora na tramitación da ILP aponta directamente a presidencia do Parlamento. Tan é así que a central nacionalista enviou un escrito ao titular dese órgao, Miguel Santalices, para que axilice a posta en andamento da ponencia para o debate e eventual emenda da ILP, aínda non constituída.

A resposta de Santalice é que non é el o interlocutor a respeito da maior ou menor lentitude na tramitación, senón os grupos parlamentares. Con esa réplica, entende o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o que fai é "eludir a súa responsabilidade". "De feito imos intentar ter unha reunión con el para aclarar estes feitos”, engade.

A parálise da lei responde a unha estratexia perfeitamente planificada. Explica neste sentido Seixo que en febreiro de 2016, un mes despois de se aprobar a toma en consideración da ILP, o portavoz do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, dirixiu un escrito á Mesa para que aprazase o prazo de apresentación de emendas de forma que se puidese producir a comparecencia de expertos na cámara, co argumento de que se trata dunha cuestión moi técnica.

Técnicas dilatorias, entende a CIG, para conxelar a lei na Cámara e ralentizar todo o posíbel á súa chegada ao Congreso dos Deputados

E non só iso. O PP demandou tamén un informe aos servizos xurídicos do Parlamento para saber se a  ILP podía dalgunha maneira invadir ámbitos competencias do Estado. Técnicas dilatorias, entende a CIG, para conxelar a lei na Cámara e ralentizar todo o posíbel á súa chegada ao Congreso dos Deputados (ao atinxir competencias do Estado este texto legal -como o da transferencia da AP9- forzosamente ten de pasar pola peneira das Cortes Xerais).

Esta mesma semana, a CIG como grupo promotor da ILP mantivo unha reunión co grupo parlamentar do BNG, de quen obtivo o compromiso de traballar para acelerar a tramitación da lei. "Intentaremos que o PP e o resto dos grupos atendan esta demanda para que a lei estea en tres meses aprobada", di Seixo.