A favor da tarifa eléctrica galega

Un ano despois, a ILP contra a pobreza enerxética está aínda por tramitar

Reunión no Parlamento galego entre BNG e grupo promotor da ILP

O 26 de xaneiro de 2016 o Parlamento galego deu luz verde á toma en consideración da ILP, respaldada por 17.000 asinaturas. Fíxoo, alén do máis, por unanimidade. Mais até hoxe. A lei está aínda por tramitar. Así o denunciaron quer o seu grupo promotor quer o BNG, que esta quinta feira mantiveron unha reunión no Pazo do Hórreo.

Na xuntanza estiveron presentes a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Concordaron en denunciar o que cualifican de "secuestro" da ILP por parte do goberno galego. A responsábel nacionalista en materia de Industria, Noa Presas, afirmou en comparencia perante os meios que a inacción da Xunta á hora de desenvolver esta iniciativa lexislativa contrasta coa "celeridade" coa que se move á hora de axilizar outras normas, como no caso da recente modificación da Lei de Acompañamento aos Orzamentos, modificada sen pasar polo correspondente debate parlamentar.

Presas anunciou aínda que o BNG vai urxir o comezo o "procedemento ordinario para tramitar a lei" visando que "no prazo de tres meses a ILP poda ser aprobada no Parlamento galego". De acordo coa parlamentar, o mes de marzo abondaría para se realizaren as comparecencias de persoas expertas na materia, en abril podería substanciarse o trámite das emendas e en maio a lei podería ser aprobada polo Pleno do Parlamento.

Segundo a ILP, estaría en situación de "pobreza enerxética" aquela unidade familiar que destina 10 por cento dos seus ingresos a pagar os recibos da luz ou gas

A ILP defende unha tarifa eléctrica galega -coa redución en 30 por cento das portaxes no sistema eléctrico na Galiza-, alén dunha bonificación como territorio produtor e excedentario de enerxía, ben como a asunción por parte do Goberno galego do recibo da luz das persoas en situación máis vulnerábel.

Consideraríase en situación de "pobreza enerxética" aquela unidade familiar que destina 10 por cento dos seus ingresos a pagar os recibos da luz ou gas e non consiga manter a súa vivenda entre 18 e 21 graos.

No debate, decorrido xa no tramo final da pasada lexislatura, BNG, AGE e grupo mixto amosaron o seu respaldo á totalidade da ILP, non así o PSdeG quen, por boca de Abel Losada, deixou ver os seus reparos perante "algúns plantexamentos nacionalistas". Por súa parte, o PP (Hipólito Fariñas) dixo estar de acordo "con moitos preceitos" da iniciativa, embora "non así con outros"