CIG tacha de “hipocresía” a deriva de pacientes á sanidade privada para compensala

Feixoo e Vázquez Almuiña.

Esixe da Consellaría que recupere a actividade ordinaria de tarde nos hospitais.

O pasado sábado Nós Diario informaba de como o Goberno galego dera orde para compensar a sanidade privada con aínda máis derivacións.  As xerencias de áreas sanitarias nas que se organiza o sistema galego avisaron xefaturas de servizo para advertilas de que reducirían as peonadas -termo co que se denomina a realización de actividade clínica fóra da xornada ordinaria do persoal sanitario- en quirófanos nos próximos meses. A razón: o incremento das derivacións a centros hospitalarios privados.

“Dixéronnos que nos afixésemos a ficar sen peonadas, que era unha decisión política que viña de arriba, porque había que compensar a sanidade privada debido ás perdas ocasionadas pola COVID-19”. Así o explica a Nós Diario unha das persoas que participou nunha das reunións convocadas para organizar a actividade asistencial de cara aos próximos meses.

A CIG-Saúde, a través dun comunicado, rexeita a decisión da Consellaría de Sanidade de manter suspendida as actividades programadas de tarde nos hospitais públicos para derivar esta atención á sanidade privada. Cualifica de “hipocrisía” a actitude do Goberno de Feixoo “que por una lado fai gala de termos a mellor sanidade pública co persoal máis cualificado, e ao tempo desvía os cartos de todas as galegas e galegos para financiar o sector sanitario privado, en mans de grandes multinacionais e fondos voitre”.

"Esiximos que se faga actividade na pública, non podemos baleirar de actividade asistencial a sanidade pública tendo os profesionais e as instalacións para ofrecer a mellor atención", afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde.

“O que nos están a comentar os compañeiros e compañeiras é que recibiron ordes da Consellaría de non facer actividade programada de tarde, para derivar os fondos e estas intervencións á sanidade privada".

Para Abuín esta medida confirma o que a CIG xa denunciou a finais de marzo: que a Consellaría montaba eses hospitais de campaña e non estaba a utilizar a rede de camas dispoñíbeis na sanidade privada (aínda que así llo permitía o decreto do estado de alarma) para preservalos e, unha vez pasada a curva da pandemia, derivar a estes centros cirurxía concertada que foi suspendida pola emerxencia da Covid19.