A CIG e o STEG convocan feches rotatorios nos centros de ensino

Mobilización do profesorado galego, este 16 de decembro en Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O profesorado galego busca "resucitar", de maneira simbólica, o ensino público galego.

Despois do enterro simbólico do ensino público galego co que rematou o primeiro trimestre do curso escolar, o conflito laboral que mantén o profesorado coa Consellaría de Educación entra noutra fase na que as organizacións convocantes das mobilizacións pretenden "resucitalo" tamén simbolicamente.

A primeira das medidas que propoñen a CIG-Ensino e o STEG "para descentralizar aínda máis o conflito" son feches rotatorios a partir de media tarde nos propios centros de ensino. Serán nas terzas, cuartas e quintas feiras das dúas vindeiras semanas e realizaranse en centros da meirande parte do país.

Trátase dunha medida para chamar a atención e visibilizar diante das familias e do alumnado as consecuencias da política de recortes da Consellaría e explicar que as demandas do profesorado son as de toda a comunidade educativa, sinala a CIG.

Os feches darán comezo a partir de media tarde para facilitar a participación da maior xente posíbel e neles prevese realizar asembleas abertas. Esta acción desenvolverase até o Entroido.

"O único que fixo o conselleiro foi redobrar a propaganda con vídeos nas redes sociais cada semana e visitas a centros mesmo cando non teñen ningún obxectivo", destaca Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.