A CIG-Saúde denuncia listas de espera dun ano no hospital de Monforte

Hospital comarcal de Monforte de Lemos (Foto: Concello de Monforte de Lemos).
Actualmente, o centro hospitalario conta con catro profesionais da oftalmoloxía, pero só se pasan tres consultas.

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denuncia que no Hospital de Monforte de Lemos a lista de espera para poder acudir a unha consulta de oftalmoloxía é dun ano.

Actualmente, o centro hospitalario conta con catro profesionais da oftalmoloxía, pero só se pasan tres consultas.

Por iso, propoñen que se habilite outra consulta co fin de axilizar a lista de agarda, xa que isto reduciría considerabelmente ditas listas.

O responsábel local da CIG-Saúde, Vicente Vázquez, explica que nestes momentos se están a facer tres peonadas ao mes polas tardes, é dicir, dar saída ao traballo nun horario fóra do matutino, "pero aínda así é totalmente insuficiente para reducir as listas, polo que demandamos á dirección que habilite outra consulta á maior brevidade posíbel".

De igual maneira, a CIG-Saúde tamén solicitou unha renovación do material, xa que os equipos de oftalmoloxía para revisar aos doentes "teñen xa máis de 20 anos".

As listas do Sergas non paran de medrar

Mentres que en Monforte a lista de espera para unha consulta da especialidade de oftalmoloxía é de un ano, no resto da Galiza o panorama “non é, nin moito menos, esperanzador” alertan desde o sindicato nacionalista.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicou o pasado decembro os datos das listas de agarda correspondentes ao primeiro semestre de 2022.

Así, concluíron que 362.016 galegas e galegos agardan por unha cita hospitalaria na Galiza.

43.770 persoas esperan unha media de 78,2 días por unha cirurxía, 193.622 esperan unha media de 54,8 días por unha consulta hospitalaria e 119.923 esperan por unha proba diagnóstica.

Os tempos de agarda e o alcance das listas de espera presentan diferenzas en función das diferentes áreas sanitarias galegas.