A CIG rexeita a proposta de Educación e avanza protestas

Reunión da Mesa Sectorial de Educación. (Foto: Xunta da Galiza)
As Direccións de CCOO e ANPE deciden hoxe a súa postura

A Consellaría de Educación trasladou onte aos sindicatos que integran a mesa sectorial (CIG, CCOO, ANPE e UXT) a súa proposta de 'Acordo de mellora das condicións laborais docentes e do sistema educativo', da que a CIG xa se desmarcou.

Educación remitiu finalmente un documento moi similar ao debatido a pasada sexta feira e que propón reducir de 25 a 23 as horas lectivas semanais a partir do curso que vén en Infantil e Primaria, e o descenso da ratio nestas dúas etapas, propondo a longo prazo –no curso 2038/39– tamén a redución do alumnado por aula en Secundaria e Bacharelato. 

Ademais, para as ratios, cada estudante cunha discapacidade de 33% ou con grao I de dependencia acreditada computará como dous, mentres que o alumnado cunha discapacidade superior a 65% ou con grao II ou III de dependencia computará como tres.

No ámbito salarial, o complemento que recibe o profesorado por formación permanente e o de sexenios aumentarán 20% cada un, cun prazo de 10% nos dous próximos anos.  

"Falso" acordo

Ante esta proposta, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, acompañado de integrantes da Executiva do sindicato, comparecerá hoxe ante os medios de comunicación para anunciar que a central maioritaria no ensino público galego non asinará o "falso" 'Acordo de mellora das condicións laborais docentes e do sistema educativo' e as mobilizacións que vai levar a cabo nos próximos días para frear a súa aplicación.

Pola súa parte, tanto os órganos de dirección de CCOO como os de ANPE decidirán na terza feira, 10 de outubro, –antes do mediodía, cando se cumpre o prazo estabelecido pola Consellaría– a súa postura a respecto da proposta do Executivo galego.

O segundo e o terceiro sindicato en representación valoraron positivamente os avances "importantísimos" introducidos durante a negociación da proposta.