CIG rexeita a “persecución e criminalización” do nacionalismo ao abeiro da ‘Operación Lusista’

Imaxe do operativo da Garda Civil.

Denuncia o “linchamento público” que “medios e institucións” veñen facendo das persoas detidas, “vulnerando” o principio de presunción de inocencia.

A detención de catro independentistas aos que as forzas de seguridade acusan de pertenza e colaboración Resistencia Galega está a ser aproveitada “para reforzar a campaña, desde hai anos orquestrada polo aparello do Estado, para criminalizar o nacionalismo no seu conxunto”. Así o expresa a CIG nun comunicado, texto no que cualifica de “show mediático” a información referida á ‘Operación Lusista’.

Un operativo policial, indica a central, que se constrúe arredor “dunha patraña, porque na Galiza non existe ningunha expresión de loita armada que puidese ser considerada como tal [terrorismo]”.

A CIG tamén manifesta o seu rexeitamento ao “linchamento público que medios e institucións veñen facendo das persoas detidas”, vulnerando o principio de presunción de inocencia. “Un principio que estabelece que toda persoa imputada ten que ser tratada como inocente até que haxa sentenza firme, non só por parte dos poderes públicos, senón tamén nos medios de comunicación”.

Do mesmo xeito manifesta o seu rexeitamento á lei antiterrorista e lembra que a Audiencia Nacional é un tribunal “de orixe franquista, sucesor do Tribunal de Orde Pública”. O sindicato pide a derrogación desta lei, así como as leis Mordaza ou a de Partidos Políticos.