A CIG revalida a súa maioría nas eleccións sindicais no ensino

Concentraciòn da CIG Ensino.

Obtén 60 delegados e delegadas, máis do duplo do atinxido pola segunda forza (CC OO, 28 representantes). ANPE logra 18 delegados e delegadas, UXT 14,  STEG, 12 e CSIF 10. "É un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos", indican desde o sindicato nacionalista.


 

A propia central nacionalista recoñecía ao inicio da campaña que o reto de atinxir o nivel de apoio logrado en 2014 (46% dos votos e 62 delegados e delegadas) non ía ser doado. Mais finalmente os resultados situaron este sindicato en niveis similares aos de hai catro anos: CIG-Ensino volveu a gañar as eleccións sindicais no ensino público non universitario e fíxoo dun modo contundente: 60 delegados e delegas nuns comicios nos que estaban chamados a votar por volta de 31.000 docentes para elixir 142 representantes.


Co 100% dos votos escrutados en Pontevedra, Lugo e Ourense e co 80% na provincia da Coruña, a CIG mantense, pois, como o referente sindical no ensino. Duplica as delegadas que obtén CC.OO. con 28 e sitúase a distancia dos resultados de ANPE con 18, UGT con 14, STEG con 12 e CSIF con 10. O sindicato USDG non obtén representación a falta do 20% dos votos recontados na provincia da Coruña.

 


O apoio nas eleccións tradúcese na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con 8 representantes fronte aos 7 que sumarían o resto de sindicatos.


Para a CIG, "estes resultados afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático, participativo e próximo ao profesorado que representa " esta central. O apoio nas eleccións tradúcese na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con 8 representantes fronte aos 7 que sumarían o resto de sindicatos.


"Ademais supón un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos, á nosa  oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao noso combate permanente contra a LOMCE e á nosa loita contra os recortes dos dereitos salariais e contra os ataques ao noso idioma", indica a central nacionalista.