Suso Bermello, CIG-Ensino

“As demandas do profesorado galego asumímolas como un mandato”

Suso Bermello

O 4 de decembro perto de 31.000 docentes poderán votar nas eleccións sindicais no ensino en Galiza para elixir 142 delegados e delegadas. Suso Bermello (CIG-Ensino) fecha a serie de pequenas entrevistas con representantes de diferentes sindicatos que concorren a estes comicios.

CIG-Ensino ten na actualidade a representación de 46% do profesorado en Galiza, a moita distancia da segunda forza, con 15%. Todo un reto para as elección do 4 de decembro, ás que o sindicato nacionalista concorre coa intención de “se manter como referente na defensa do profesorado e do ensino público galego”.

 

-Como valora a CIG as medidas e políticas aplicadas nestes catro anos no ensino público galego, así como a resposta dada desde o profesorado e a comunidade escolar?

 

-Nestes catro anos escoitamos moitos discursos e moita propaganda de que sairamos da crise, polo que se podería ter pensado que iso implicaría poder reverter grande parte dos recortes e agresións que sufriu o profesorado e o ensino público na última década, mais non foi así. A posición do goberno da Xunta foi numantina, apoiouse na súa maioría abafante do PP para nin negociar nin adoptar medidas que supuxesen unha recuperación deses dereitos que se arrebataron aos docentes ou para mellorar o ensino.

 

Co novo goberno Sánchez, estamos nunha situación de impasse, xa non é o inmobilismo de Raxoi; puxéronse unha serie de medidas enriba da mesa, algunhas delas positivas. Mais non se fai co ritmo nin a intensidade nin coa decisión que entendemos que se deben adoptar. Agora estamos na negociación da modificación da Lomce que para nós fica moi lonxe do que debería ser.

 

Somos profesorado, estamos en contacto permanente cos profesores e profesoras, e somos conscientes de que todos os recortes e agresións destes anos non só afectan a quen traballamos no ensino público senón a toda a sociedade

 

-E a respecto da resposta do profesorado e comunidade escolar a esas políticas?

 

-Creo que hai un elemento obxectivo e que é que en todo o Estado non houbo unha resposta tan contundente por parte da comunidade educativa ás reválidas da Lomce como a que se deu no noso país. E iso ten que ver con dous elementos fundamentais. O primeiro, que o modelo sindical de CIG-Ensino é de proximidade, asembleario, un modelo presente nos centros de traballo e que leva o combate e a contestación social alí onde ten que levala. Somos profesorado, estamos en contacto permanente cos profesores e profesoras, e somos conscientes de que todos os recortes e agresións destes anos non só afectan a quen traballamos no ensino público, senón a toda a sociedade. Desde esa perspectiva é chave o traballo feito desde a Plataforma galega en defensa do ensino público, que foi quen de vencer a propaganda da Xunta.

 

-Cal é a columna vertebral das propostas que a CIG presenta nestas eleccións?

 

-Estamos nun tempo en que a clase traballadora ten que facer un esforzo especial, e tamén as organizacións de clase, por recuperar os dereitos arrebatados nestes anos. A crise serviu tamén para iso, que a loita estea agora centrada na recuperación cando deberiamos estar a falar de avanzos. CIG-Ensino deseñou unha acción sindical que non ten a ver coa campaña electoral. A campaña, se tal cousa, dura catro anos, Hai catro anos as eleccións chegaron acabando a campaña por unha ILP para restituír os dereitos do profesorado e estes catro anos acabamos cunha recollida masiva de sinaturas (12.000) en tempo récord entre o profesorado galego, que superou as nosas expectativas. Identificamos aqueles 10 puntos que nos parecían máis prioritarios e necesarios defender para o profesorado. Esas demandas do profesorado galego asumímolas como un mandato e como tal actuamos tanto na negociación fraudulenta que houbo a finais de curso para as retribucións como as que asumimos como mandato para estes catro anos.

 

Son aspectos que teñen que ver coas retribucións: a día de hoxe estamos mal pagos, non recuperamos o que se nos quitou nestes anos; mais especialmente teñen a ver coas condicións nas que desenvolvemos o noso traballo: desde o horario lectivo e as ratios abultadas que se dan en zonas urbanas e periurbanas; aos agrupamentos inexplicábeis que ás veces se dan no rural, pasando polo fechamento de aulas, o de acabar coa democratización nos órganos de goberno dos centros, ou a excesiva burocratización que debe afrontar un docente e que lle tira tempo do que debía ser o seu traballo. Tamén poderiamos falar da impartición de materias das que non somos especialistas, o que afecta as nosas condicións de traballo e empeora a calidade docente.

 

Todas estas propostas materializaranse na medida en que pulemos e loitemos por elas, materializaranse na medida en que haxa un apoio importante á campaña daquelas organizacións involucradas.

 

-Esta semana tivestes como sindicato unha reunión coa nova conselleira de Educación, unha primeira toma de contacto. Pensades que vai haber un punto e aparte nas políticas educativas da Xunta ou vai ser un punto seguido?

 

-Con todo o respecto para a conselleira, nós entendemos que é un punto e seguidísimo. Mantense todo o equipo da Consellaría e non vimos nada que indique que vaian mudar as cousas. Hai un elemento neste sentido importante: a nivel do Estado sabemos que hai o borrador dun novo real decreto lei que volve de novo ás autonomías a potestade que tiña de xestionar o horario lectivo do profesorado, é dicir, cantas horas ten que impartir. A día de hoxe hai comunidades que xa teñen acordado nunha negociación a recuperación para setembro do ano que vén dos horarios que había. Este é un tema que CIG-Ensino sempre puxo riba da mesa, mais desde a Consellaría o único que hai como resposta é o silencio.

 

A redución do horario lectivo ten dúas consecuencias: unha, a mellora nas condicións de traballo (máis tempo para preparar as aulas, máis tempo para cuestións didácticas, para atender as nenas e os nenos, unha ratio profesor/alumno menor que a que existe…). E, segunda, implicaría un aumento do profesorado.