CIG proporá mobilizacións en setembro e folga no inicio do curso se a Xunta non rectifica o protocolo

Protesta de sindicatos do ensino contra o protocolo de Covid para o curso 2020-21 (Foto: Arxina)

"O anuncio da máscara obrigatoria a partir de 6 anos é unha medida insuficiente e coa que busca de novo non investir nin un só euro en redución de ratios e na contratación de persoal docente e non docente, as únicas medidas que poden contribuír a garantir a seguridade e a distancia social na escola", indica nun comunicado.

Un inicio de curso "quente". Así vai vir setembro na Galiza en vista do malestar crecente na comunidade educativa perante o protocolo da Covid da Consellería de Educación. A CIG, principal sindicato no ensino público, pon sobre a mesa retomar as mobilizacións e mesmo unha folga no principio do curso.

"Todas as críticas e temores que, con rigor e contundencia, formulamos desde o sindicato ao documento das Consellarías de Educación e Sanidade, son hoxe compartidas moi maioritariamente pola sociedade. Neste tempo puxéronse en evidencia as contradicións, carencias e temeridade do Protocolo para a volta ás aulas e o anuncio propagandístico de onte do presidente Feijóo vén a demostrar que a contestación social á actuación da Xunta está a ser contundente", indican nun comunicado.

Para o sindicato nacionalista o actuar da Administración no protocolo resúmese en "propaganda e medidas de baixa calidade" que non dan solución á problemática.

"Tal e como avanzamos nas concentracións convocadas o mes de xullo (por unanimidade sindical) naquelas condicións sanitarias e sen cambios no protocolo, o curso non podería comezar con normalidade". Por iso, explica a central "faise imprescindíbel unha resposta de mobilizacións do profesorado e do conxunto da comunidade educativa con convocatoria de folga no comezo de curso se non hai ningunha rectificación por parte da Xunta". 

"Estamos a falar da saúde do profesorado, do alumnado, das súas familias e de toda a sociedade en xeral", conclúen.