Ensino

A CIG-Ensino pide a convocatoria "urxente" da Mesa Sectorial para negociar as prazas nas oposicións docentes

Exame de oposicións (Foto: Europa Press).
De acordo coa CIG-Ensino, a “mala xestión da Administración galega neste tema contrasta unha vez máis co ritmo que levan outros territorios do Estado que nalgúns casos mesmo xa remataron co procedemento de matrícula.

A Consellaría de Educación leva un “atraso insólito con respecto aos últimos anos á hora de convocar a Mesa Sectorial na cal se ten que negociar a Oferta Pública de Emprego (OPE) docente”, así o indica a federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino).

“A día 8 de xaneiro miles de persoas que se teñen que enfrontar ao procedemento de concurso-oposición nun prazo de apenas cinco meses descoñecen as especialidades que se van convocar e o número de prazas en cada unha delas. Informacións, ambas as dúas, de vital relevancia para o persoal opositor que, en moitas ocasión, opta por unha outra especialidade, de contidos semellantes, segundo a oferta de prazas que haxa en cada unha delas”, acrecentan desde o sindicato nacionalista.

Tal e como criticou a central sindical, a “OPE anunciada, sen previa negociación, non dá resposta ás necesidades do ensino público galego porque non supón ningún incremento de postos de traballo, non chega ao límite legal fixado na taxa de reposición, está descompensada entre o persoal interino existente nos distintos corpos e as prazas que se ofertan e nin sequera cumpre o obxectivo fixado pola propia Xunta de reducir ao 5% a temporalidade”.

De acordo coa CIG-Ensino, a “mala xestión da Administración galega neste tema contrasta unha vez máis co ritmo que levan outros territorios do Estado que nalgúns casos mesmo xa remataron co procedemento de matrícula.

O estudo da CIG-Ensino

O sindicato urxe, por tanto, a non demorar máis a convocatoria desta Mesa Sectorial, á que levará as cifras de profesorado interino por especialidades que identificou nun estudo elaborado a partir de datos en bruto solicitados á Consellaría.

No documento, publicado o pasado 11 de decembro, ponse de manifesto que a taxa de interinidade real na Galiza é de 9,2%, moito maior que a cifra ofrecida polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez. O sindicato lamenta que, malia estarmos nas datas en que estamos, o departamento de Rodríguez “non vai ser capaz de levar a cabo a identificación, que recolle expresamente no acordo sobre condicións de traballo do persoal interino asinado cunha minoría sindical das prazas estruturais que deben ser convocadas para cumprir coa Lei 20/21”.