CIG impugna nos xulgados o feche do paridoiro de Verín

Nais, matronas e veciñas protestan contra antes as portas do CHUO contra o traslado do servizo de partos desde Verín (Imaxe: Marcha Mundial das Mulleres)

Presentou un recurso contencioso-administrativo e pediu ao Xulgado que adopte como medida cautelar a suspensión da orde da xunta de fechar ese servizo.

Os servizos xurídicos da CIG presentaran Recurso contencioso administrativo no Xulgado de Ourense contra a Orde do 29 de novembro do 2019 do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras de pechamento dos Servizos de Paridoiro e Pediatría de Urxencias do Hospital Público de Verín.

Ademais do recurso contencioso administrativo, a CIG solicitou ao Xulgado a adopción dunha medida cautelar de suspensión da Orde de pechamento do paridoiro de Verín.

Os motivos que a central nacionalista expón para dar estes pasos son varios, como a ”interpretación parcial que realiza a EOXI dunhas recomendacións (non normativas) que aconsellan a “non apertura” de novas maternidades en zonas con posibilidades inferiores a 600 nacimentos ano; esquecendo que tamén propoñen a revisión e “avaliación” das opcións, non o pechamento, das maternidades xa abertas con partos inferiores a 600 ao ano”.

Ademais, a CIG entende que é “nidia a incongruencia da motivación da Xerencia da EOXI ao utilizar unha recomendación (600 partos/ano) para xustificar o pechamento do Paridoiro do Hospital Público de Verín e manter abertos os Paridoiros dos 6 Hospitais Comarcais de Galiza restantes que tampouco alcanzan isa cifra”.

A central nacionalista afirma que “un conflito laboral corporativo, do colectivo de pediatras de Ourense, constitúe o real detonante da decisión que se impugna. A Xerencia da EOXI, logo da xubilación do único pediatra de Verín, atopouse coa presión de ter 1.200 pacientes de pediatría en lista de agarda e para solucionar o problema creado por un “lobby” corporativo, decidiu suprimir un servizo público a toda unha comarca, non cunha base normativa, senón cun “verniz” pseudo-técnico que non se cumprimenta en nengún hospital comarcal de Galiza”.

De aceptarse a medida cautelar, explica a CIG, a Orde de pechamento ficaría suspendida o que implicaría que o Paridoiro do Hospital de Verín “continuaría aberto, polo menos, até que o Xulgado se pronunciara sobre o recurso contencioso interposto”.

 

De non aceptarse a medida cautelar, prosegue, a Orde de pechamento “seguiría vixente, á espera de que o Xulgado se pronunciase sobre a legalidade ou non do seu pechamento”.