26 de xaneiro en Compostela

A CIG homenaxea Suso Seixo, o seu secretario xeral entre 2001 e 2017

Suso Seixo nun Primeiro de Maio en Vigo.


 

Suso Seixo dirixiu a CIG entre 2001 e 2017. Nesa etapa, o sindicato nacionalista converteuse “no principal referente da clase traballadora galega”. Hoxe é a primeira forza sindical en representación, afiliación e “capacidade de mobilización”. A central homenaxea Seixo, secretario xeral durante eses anos, o sábado 26 de xaneiro en Compostela.
 

“Con el á fronte consolidouse un modelo sindical combativo, de contrapoder e participativo”, sinala a CIG no comunicado en que chama a participar no xantar de homenaxe (30 euros por persoa na conta ES12 2080 5463 8030 40117169, inscricións no www.cig.gal/homenaxe.html antes do 22 de xaneiro) no Hotel Os Abetos.

 

Suso Seixo naceu en Curtis en 1952. Biólogo de formación, en 1978 participou na fundación da INTG, unha das pólas sindicais que conforman o tronco da CIG, fundada en 1994. En 2001 sucedeu Fernando Acuña na Secretaría Xeral do sindicato.

 

Seixo é ademais militante do BNG desde a fundación da fronte en 1982 e na actualidade preside a Fundación Moncho Reboiras “para o estudo e divulgación da realidade social e sindical na Galiza”.