Por dicir "é mellor velo que pegarlle a unha vella"

A CIG exixe a retirada da promoción do programa da TVG 'Land Rover' na que se di que "é mellor velo que pegarlle a unha vella"

Pide que se depuren responsabilidades por afirmarse que “é mellor ver Land Rover que pegarlle a unha vella”.

A CIG remitiu un escrito ao director xeral da CRTVG no que lle pide que ordene a retirada da “despreciábel autopromoción” do programa Land Rober,  na que o seu presentador, Roberto Vilar, anuncia a volta do programa á pantalla da TVG e, “en chave humorística”, tenta convencer á audiencia de “ser mellor ver ‘Land Rober’ que pegar a unha vella”

 

A través do humor, por tanto, afirma o sindicato, “presupón que se pode bater nas vellas, desvirtuando e minimizando a gravidade das actitudes de violencia machista”. Con semellante comparación o mesmo programa “situase nun nível tan ínfimo, que o fai impropio dunha canle pública como a CRTVG, cuxa actividade debe inspirarse nos principios do respecto á dignidade humana, a igualdade entre homes e mulleres e a non violencia, entre outros”.