A CIG remitiu un escrito ao director xeral da CRTVG no que lle pide que ordene a retirada da “despreciábel autopromoción” do programa Land Rober, na que o seu presentador, Roberto Vilar, anuncia a volta do programa á pantalla da TVG e, “en chave humorística”, tenta convencer á audiencia de “ser mellor ver ‘Land Rober’ que pegar a unha vella”.
A través do humor, por tanto, afirma o sindicato, “presupón que se pode bater nas vellas, desvirtuando e minimizando a gravidade das actitudes de violencia machista”. Con semellante comparación o mesmo programa “situase nun nível tan ínfimo, que o fai impropio dunha canle pública como a CRTVG, cuxa actividade debe inspirarse nos principios do respecto á dignidade humana, a igualdade entre homes e mulleres e a non violencia, entre outros”.