A CIG-Ensino propón dotar de máis persoal de atención á diversidade todos os centros
Na negociación da orde do concurso de traslados e do concurso de orientación o sindicato maioritario avogou pola ampliación do catálogo dos centros de infantil e primaria e a fixación de criterios para estabelecer as cotas do resto de centros.
A CIG-Ensino defendeu esta terza feira na Mesa Sectorial docente unha proposta para reforzar a atención á diversidade en todas as etapas educativas. Antes da reunión coa Consellaría de Educación —convocada para analizar os borradores das ordes que regularán o Concurso de traslados 2026/27 e o Concurso de orientación para infantil e primaria, nos que o curso pasado obtiveron praza 2.568 docentes—, delegadas e delegados da CIG-Ensino concentráronse en silencio para denunciar a falta de resposta do departamento ás súas demandas de negociación real.
Pasadas as mobilizacións de setembro e ás portas de dúas novas xornadas de folga os días 28 e 29 de outubro, o sindicato maioritario no ensino público galego levou á Mesa Sectorial unha proposta que "pretende ir no camiño de alcanzar estas melloras reais". A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, explicou que o catálogo de postos de traballo de Educación "data de 2007" e debe adaptarse á nova realidade educativa: máis alumnado con necesidades específicas, con orixe migrante e con diagnósticos que requiren atención temperá. "É preciso actualizar os cadros de persoal e garantir estabilidade a quen traballa con este alumnado durante nove anos nestas ensinanzas", indicou.
Entre as medidas concretas, o sindicato propón ampliar o catálogo de postos de Infantil, Primaria e educación especial, con máis prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL); dotar de especialistas de atención á diversidade noutras ensinanzas e fixar criterios comúns de cotas para evitar diferenzas entre centros con características semellantes; e incrementar o número de orientadoras e orientadores, reducindo a ratio até un profesional por cada 250 estudantes, tal e como recomenda a Unesco.
Arroxo solicitou tamén a retirada das 187 vacantes compartidas de orientación que prevé convocar a Consellaría, algunhas entre tres centros distintos, e pediu que se dote de persoal definitivo o resto de centros, unha medida que beneficiaría especialmente os de réxime especial.
A CIG-Ensino considera que a proposta é viábel e "un avance real para o ensino público galego". Segundo Arroxo, "a ampliación do catálogo e a fixación de criterios máis claros para marcar as cotas de profesorado servirían para que cada curso os centros non teñan que mendigar máis profesorado e se poidan organizar con antelación".
Finalmente, a secretaria nacional fixo un chamamento ao resto de sindicatos a apoiar as xornadas de folga do 28 e 29 de outubro, co obxectivo de trasladar a unidade do profesorado ás mobilizacións sindicais.