CIG-Ensino pide atender a saúde mental nos centros educativos

A pandemia aumentou os problemas de saúde mental. (Foto: Kenjo)
A federación de ensino da CIG alerta da necesidade de atender a saúde mental de alumnado e docentes e solicita á Xunta medios para abordar o problema. Pola súa parte, a comunidade educativa de Redondela lanza unha iniciativa que exixe especial atención aos procesos emocionais da mocidade.

CIG-Ensino vén de advertir que a situación sanitaria vivida nos últimos tempos puxo de manifesto e agravou “a necesidade de atender os aspectos relacionados coa saúde mental da comunidade educativa”. 

Segundo a central sindical, a saúde mental xa viña sendo unha preocupación do profesorado moito antes da pandemia polas “situacións de falta de convivencia, violencia, inseguridade, intolerancia ou non respecto entre iguais” experimentadas nas aulas. 

Agora mesmo, tendo que atender “as funcións de orientación e de asesoramento a través da titoría, o ensino virtual, a propia formación, o exceso de burocracia, a necesaria coordinación e unha docencia directa” é necesario “que a administración poña o foco na saúde mental do persoal docente e do alumnado”, demandan.

En febreiro de 2021, a Consellaría de Educación anunciou a posta a disposición dos centros educativos dun Plan de Benestar Emocional. Porén, a sensación que existe neste momento entre o profesorado, afirma CIG-Ensino, é que non existen recursos para afrontar todos os problemas aos que se enfronta cada día nas aulas. Máis aínda, carecendo de formación psicosocial e de ferramentas de intervención específicas neste eido.

As iniciativas como a “Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar da Galiza (RAOGAL)”, posta en marcha neste curso, "son de moi dubidosa utilidade e non serven para dar resposta ás problemáticas que se dan nos centros educativos tal e como nos trasladan desde os departamentos de orientación", sinala a federación sindical do sector.

En troques, apostan por destinar fondos Covid á xestión deste problema en función das necesidades que dos centros educativos, pois “a utilidade dos mesmos estaría máis que garantida nun plan de actuación real e individualizado".

Así mesmo, diante da actual carga de funcións, CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación “a que estabeleza como prioridade levar a cabo actuacións concretas relacionadas coa saúde mental" do persoal docente.

Iniciativa da comunidade educativa de Redondela

Pola súa parte, a comunidade educativa dos IES de Redondela vén de dar a coñecer a iniciativa Pola saúde mental da nosa mocidade, que exixe especial atención aos procesos emocionais da mocidade.