Louzao, reeleito secretario da CIG-Ensino: "A soberanía é fundamental para tronzar a dependencia"

No acto de encerramento do VI Congreso rexeitou "a falsa dicotomía" de que no momento actual a cuestión social deba "priorizar" sobre a nacional porque, dixo, "é o discurso propio do españolismo". A Executiva foi ratificada con 174 votos a favor e 3 en branco.


"Como nacionalistas sabemos que as solucións aos nosos problemas nunca virán de fóra". Encetou desta maneira o seu discurso o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, após pedir un minuto de silencio en memoria de Dores Gestoso, Fidel Diéguez e Xoán Vázquez, militantes do sindicato. Con 175 votos a favor e 2 en branco recibidos no VI Congreso decorrido este sábado en Compostela, Louzao seguirá máis catro anos no cargo. 

"Rexeitamos a falsa dicotomía de que a cuestión social debe priorizar á nacional", enfatizou o secretario nacional. No discurso pronunciado no acto de encerramento, atribuíu este argumento "ao españolismo, mesmo a aquel que se posiciona na esquerda" e subliñou que a soberanía "é fundamental para tronzar a nosa dependencia".

Por unha unidade de acción que non negue o dereito a decidir

A crise, dixo, "golpéanos con maior crueza e asañamento por pertencermos a unha nación dependente". Ao fío, recalcou que "non se trata de unir forzas en abstracto senón de pular por unha unidade de acción que non nos negue un dereito tan básico como a autoorganización e o dereito a decidirmos no noso propio País".

Nesta liña, resaltou a presenza da CIG-Ensino en diferentes plataformas sociais e culturais como a Plataforma galega en defensa do ensino público ou Queremos galego, co obxectivo de "combatermos con máis forza" as políticas de recortes e desmantelamento dos servizos públicos impostas desde os gobernos galego e español. 

''Lexislan para que a lingua preponderante sexa o español''

Criticou a partida orzamentaria de 29 millóns de euros "para relixión" nos centros de ensino, máis diñeiro público do que a Xunta destina ao financiamento dos comedores escolares.

A consellaría e o ministerio de Educación "desprezan o traballo do profesorado, lexislan para que a lingua preponderante sexa o español, préganse aos intereses da patronal do ensino e da Conferencia episcopal e expulsan das aulas as clases populares", queixouse Louzao, remarcando que as mobilizacións non van parar e que "a nosa resposta será proporcional ás agresións recibidas".

O secretario nacional da CIG-Ensino referiuse tamén á folga xeral do 24 de outubro, que cualificou de "rexeitamento contundente" á LOMCE que "ten que lle facer saber ao PP que só queda unha saída", en referencia á retirada desta lei que no Congreso foi apoiada só pola formación conservadora.

Combater a LOMCE ''até a súa desaparición''

Nesta liña, marcou como obxectivos para os vindeiros catro anos a "defensa inequívoca" do ensino público; a derrogación do decreto de plurilingüismo e a procura dun marco lexislativo para o galego que permita "camiñar cara á plena normalización e galeguización do ensino"; combater a LOMCE "até a súa desaparición" e mesmo mudar a constitución española por ser a columna vertebral que soporta este proxecto de lei. Por derradeiro, chamou a traballar para "restituír" os dereitos retributivos, laborais e profesionais que lle foron "arrebatados" ao profesorado.

Antes de concluír a súa intervención, Anxo Louzao defendeu unha educación "que procure o cambio social e a formación de cidadáns comprometidos" e, parafraseando a Paulo Freire, tamén unha educación "libre da dominación".

Nova Executiva: 174 votos a favor e 3 en branco

  • Anxo Louzao Rodríguez
  • Marta Dacosta Alonso
  • Xesús Bermello García
  • Xosé Lois Rivera Jacome
  • Marta Ferreiro Fernández
  • Duarte Correa Piñeiro
  • Xesús Fernández Rivas
  • Ana Rodiño Domínguez
  • Xesús Diz Romai
  • Mª Xosé Rodríguez Martínez
  • Diego Boquete Sánchez
  • Paula Bergantiños Xove


Delegacións internacionais e organizacións convidadas

Entre as delegacións convidadas estaban representantes das federacións de Ensino de ELA, LAB, SPN --Sindicato de profesores do norte de Portugal-- e FENPROF --Federación nacional de profesores de Portugal--.

Así, Xabier Irastorza (ELA) defendeu a importancia da afiliación porque sen ela "non existe nin independencia nin discurso alternativo"; Iker Garín (LAB) celebrou a derrogación da aplicación retroactiva da doutrina Parot e referiuse á mobilización contra a LOMCE realizada o 12 de outubro, onde "reivindicamos a aplicación do modelo educativo que decidamos en Euskal Herria e para Euskal Herria,libre de tanta inxerencia externa".

Pola súa banda, Manuela Mendoza (SPN) alertou de que as políticas neoliberais "ven na crise unha oportunidade", de que "os problemas que enfrontamos na Galiza e Portugal son os mesmos" e de que "non imos aceptar a regresión en dereitos sociais e políticos que nos queren impoñer". Por derradeiro, Mario Nogueira (FENPROF) falou dunha redución do 60% nos salarios do profesorado entre 2014 e 2015 e da "megaagrupación" de escolas, xuntando máis de 4.000 estudantes nalgúns casos e carrexando o peche de centros no rural. 

O desemprego docente subiu en 2012 en Portugal un 122% e a Universidade perdeu en dez anos o 30% do alumnado. Con este panorama, Moreira pechou a súa intervención afirmando que "eles poden non deixarnos soñar mais nós non os imos deixar durmir".

Da Galiza achegáronse até o salón de graos da facultade de Ciencias políticas responsábeis do BNG, a AGAL, a Mesa pola normalización, Galiza Nova, Adega, Comités, Liga estudantil, Federación de ANPAS da Costa da Morte, Fundación Manuel María, CIG-Administración, Queremos galego, AS-PG e Movemento dezao en defensa do ensino público.