CIG-Ensino fixa este sábado a liña de acción dos vindeiros 4 anos, centrada en derrogar a LOMCE e o 'decretazo'

Un ensino público que teña como lingua vehicular a nosa propia e que garanta un número suficiente de prazas para todo o alumnado. Un currículo que inclúa a educación sexual e o ecoloxismo como contidos obrigatorios en todas as etapas. Garantir o efectivo cumprimento da liberdade de cátedra para o persoal docente e potenciar o traballo de atención ao alumnado. Son os eixos que resomen a folla de ruta aprobada por unanimidade no VI Congreso, realizado este sábado en Compostela.





​Por unha Galiza con futuro. Ensino público galego. Baixo este lema está a decorrer este 26 de outubro en Compostela o VI Congreso da CIG-Ensino. Arrincou ás 10.30h na facultade de Ciencias políticas coa intervención do actual secretario nacional, Anxo Louzao, quen presentou o informe de xestión cas actividades realizadas nos últimos catro anos e que foi aprobado por unanimidade. De maneira unánime aprobáronse igualmente as modificacións estatutarias, o relatorio de acción sindical. O acto de encerramento está marcado para as 16.30 horas.

Ao longo da mañá, 200 delegad@s e membros do Consello federal analizaron polo miúdo o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e fixaron os obxectivos para os catro seguintes, que se resumen nun único: botar abaixo a LOMCE e pular pola aprobación dunha lei educativa que teña o eixo vertebrador na Galiza, asentada na galeguización do ensino público.

O galego, lingua vehicular no ensino e obrigatoria nas oposicións

Así as cousas, os documentos que se someteron a debate sinalan a defensa da lingua como "un dos eixos fundamentais da nosa actuación", ao redor do cal se reclama que sexa o galego o idioma vehicular en todos os niveis educativos "partindo da perspectiva de que o problema lingüístico no noso País é colectivo, non individual".

Aliás, CIG-Ensino pulará para que calquera proceso selectivo e de acceso á función pública docente os e as opositoras fiquen "obrigadas" a realizar as probas na nosa lingua e que o seu dominio sexa "exixíbel" para todas as modalidades de mobilidade.

Unha escola rural coas mesmas oportunidades que a da cidade

Máis un reto para a central nacionalista será conseguir que a consellaría de Educación oferte no sistema público prazas suficientes para todo o alumnado no ensino non universitario; que se reduza o número de estudantes en cada sala de aulas até ficar en 20 na ESO, por exemplo; unha alternativa para a escola rural galega que lle outorgue as mesmas oportunidades que ao alumnado das cidades; gratuidade dos libros de texto, do transporte e dos comedores escolares.

Namentres, para o ensino universitario, o sindicato reclama un mapa de titulacións adecuado ás necesidades da Galiza e anuncia que seguirá a dar a batalla en contra dun proceso "privatizador" que suporía "unha subordinación cada vez maior a criterios de mercado". 

Educación sexual e ecoloxismo, materias de estudo

Continuando cos puntos onde a central sindical fará especial presión chegamos á loita por un modelo educativo non-sexista. Que se eliminen os concertos cos centros de ensino que segregan por sexos; que a educación sexual "que sirva para apoiar as persoas na construción da súa identidade, sexa cal sexa esta" sexa materia obrigatoria en todas as etapas educativas; e que a Xunta ouza as organizacións feministas á hora de deseñar un currículo escolar asentado na idea da co-educación son tres dos aspectos que se exixirán a este respeito.

En liñas semellantes ás sinaladas para erradicar os valores e os estereotipos sexistas do ensino público, esta federación da CIG avoga pola inclusión no currículo educativo os contidos acaídos para a defensa do ecoloxismo e a comprensión de que tamén o natural é político, procurando tamén desta volta o apoio das organizacións que traballan neste eido.

Persoal docente: menos horas lectivas e centradas na atención ao alumnado

Por derradeiro, e en relación aos dereitos profesionais e laborais do profesorado, CIG-Ensino pulará porque as eleccións sindicais conten con maior participación do persoal docente "e que se realicen en cada centro de traballo".

Así mesmo, entende fundamental que o profesorado faga parte "activa e real" na elaboración dos contidos.

Potenciar o traballo na sala de aulas e de atención ao alumnado, frear a "crecente burocratización" e garantir a que a liberdade de cátedra se respecta son outros dos puntos onde se centrará a actividade sindical nos vindeiros catro anos, unido a reclamación dunha xornada laboral lectiva máis reducida para apostar na formación "permanente" do profesorado "non para conquerir méritos senón como unha necesidade inherente do sistema educativo".

Para alén de debater as teses e de analizar o traballo dos últimos catro anos, no VI Congreso escollerase tamén secretari@ nacional e nova executiva. Finalizado o prazo de presentación de candidaturas 48 horas antes do evento, a única achegada é a que encabeza Anxo Louzao, actual secretario nacional e que leva desenvolvendo esta responsabilidade desde o ano 2001. O resultado das votacións coñecerase á primeira hora da tarde.