A CIG-Ensino volve gañar as eleccións sindicais e incrementa representación

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Sesenta e seis dos 146 representantes que elixía o profesorado foron para a CIG-Ensino, que revalida como sindicato maioritario no sector. Uns resultados -aínda provisionais e que, de momento só deu a coñecer a CIG- que a central nacionalista cualifica de “históricos”.

A CIG-Ensino repite como sindicato maioritario tras o resultado das eleccións que tiveron lugar na quinta feira. Así, segundo os resultados provisionais, trasladados pola CIG, conseguiu 66 dos 146 representantes que elixía un censo formado por máis de 33.000 docentes en toda a Galiza. Desta maneira, o sindicato do que é secretario nacional Suso Bermello chega a 45,20% do total de representantes.

Ademais, a central nacionalista logrou incrementar o seu número de delegadas e delegados, ao pasar de 60 representantes a 66.

Por outra parte, tanto na Coruña como en Pontevedra, conseguiu a maioría absoluta. No primeiro caso, con 25 de 47 delegadas e delegados e no segundo, con 22 dun total de 43. En Lugo, aumentou a representación de 10 a 11 delegados e delegadas de 27 e en Ourense fíxose con oito de 27.

Son os resultados que se coñecen até o momento, á espera de que ao longo da sexta feira se trasladen os datos definitivos e do resto de sindicatos.

Valoración da CIG

Nun comunicado de prensa, a CIG-Ensino pon de manifesto que “a mensaxe do profesorado galego é clara: premia o compromiso, o esforzo e a coherencia dun proxecto sindical sempre presente nos centros e construído ao carón dun profesorado o que representa sen suplantar”.

O profesorado, acrecenta o sindicato, “deixa clara a voz e a forza que lle dá a un sindicato que non se dobrega, transformador e combativo mais coa responsabilidade e o rigor que caracterizou sempre o sindicalismo nacionalista desde os seus comezos”.

A CIG-Ensino comprométese a manter un modelo “participativo e combativo” e a “defender todo o profesorado, sen distincións, de todos os niveis e etapas educativas, de todo tipo de centros e sexa cal for a súa situación administrativa, funcionariado de carreira ou interino e substituto, como levamos facendo desde sempre”.