A CIG-Ensino denuncia a "fraude" do "acordo da vergoña" para a redución de ratios nas aulas
A Consellaría de Educación vén de facer públicas unha instrución para permitir alcanzar ratios de 25 estudantes nas das aulas de educación Infantil e Primaria que terían que manterse entre 20 e 25 alumnas e alumnos, de acordo coa matrícula fixada para etse curso.
A medida afecta a todos os cursos de Primaria e ao 6º curso de Infantil e segundo recolle a instrución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, tómase en virtude do artigo 40.4 da Lei 4/2024 na que se recollen as ratios fixada no acordo asinado por CCOO, ANPE e UGT co presidente Alfonso Rueda no outono de 2023 e do que se desmarcou a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector.
"A medida non fai nin máis nin menos que demostrar o que a CIG-Ensino denunciou no proceso de negociación do acordo que deu ao traste coas expectativas do profesorado galego para melloras as súas condicións laborais e a calidade do sistema educativo galego en aspectos tan centrais como as ratios e a burocracia", sinala o sindicato nun comunicado remitido aos medios.
As ratios pactadas
O acordo asinado estipulaba unha diminución das ratios paulatina, comezando no presente curso, 2024-25, por 4º de Infantil (tres anos), onde o máximo é de 25 a 20 crianzas por aula. E así até alcanzar no 2032-33 o 6º curso de Primaria. No caso de Secundaria e Bacharelato tamén se pactaron reducións, a 25 no primeiro caso e 30 no segundo, mais a súa implantación non se iniciará até 2027. Segundo o mesmo acordo, as nenas e nenos que teñan unha discapacidade recoñecida de máis de 33%, unha dependencia de grao I ou un trastorno de conduta grave computarán por dous alumnos a efectos da ratio, e por tres se a discapacidade é igual ou superior a 65% ou a dependencia de grao II ou III.
Naquela negociación, lembra agora a central nacionalista, a CIG-Ensino demandaba dúas cuestións "fundamentais" a respecto das ratios. Por unha parte, "o calendario de redución das ratios debía reducirse e comezarse a aplicar en todas as ensinanzas no curso 2024-25" e por outra, "as novas ratios tiñan que ter o mesmo rango legal de ratios máximas que as vixentes".
Segundo a CIG-Ensino, estas dúas premisas explican "a fraude que se produce cunha redución de ratios anunciada como histórica", modificada por esta nova circular da Xunta. Segundo recolle a circular asinada a primeiros deste mes abril, de cara ao vindeiro curso, en todas as aulas de 6º de Infantil e de toda a Primaria poderán alcanzar os 25 alumnos e alumnas se hai demanda de admisión por riba de 20 estudantes sempre e cando as persoas interesadas xustifiquen ter o domicilio familiar ou lugar de traballo na área de influencia do centro ou que teña polo menos un irmán ou irmá matriculado no centro.
"Nunha aula que chegue ao tope de 25 alumnos e alumnas non se pode permitir, no período ordinario de matrícula, superar esa ratio baixo ningún concepto porque teñen, estas si, carácter legal de máximos. Tan só se pode incorporar un 10% de aumento, segundo se fixa na LOE, para incorporacións tardías ou traslados de residencias", sinala a CIG-Ensino, que cualifica o "acordo histórico" asinado pola Xunta e demais sindicatos de "papel mollado", ao non respectar o "suposto carácter de máximos" do acordo.
Rectificación
Segundo denuncia a central nacionalista "cando asinaron este acordo asumían que as ratios cualificadas como 'máximas' eran en realidade unha referencia, xa que expresamente se permitía superalas. á Consellaría abondáballe con poñer un só docente para todo o centro a maiores para volver ás ratios de partida. Isto, obviamente, condiciona totalmente calquera expectativa de redución de ratios real".
O texto orixinal asinado en outubro de 2023 recollía que "se nalgún caso excepcional non se poden cumprir as novas ratios estabelecidas, por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación Infantil e Primaria, dotarase o centro dun especialista de educación Primaria máis dos que lle corresponden por catálogo".
Para a CIG-Ensino, esta nova circular pon de manifesto a falta de vontade do Goberno galego para cumprir cunha redución real de ratios nas primeiras etapas do ensino obrigatorio na Galiza. "Se estivésemos diante dunha medida seria e rigorosa de redución de ratios e non dunha mera acomodación á caída paulatina da matrícula, a obriga da administración sería ben clara: poñer todos os recursos de dotación de prazas escolares para facer realidade a redución de alumnado por aula".
O sindicato maioritario no ensino urxe a Administración galega a rectificar. "É preciso superar as renuncias impostas no acordo e negociar un novo texto que dea resposta ás demandas do profesorado: reducir o calendario de aplicación da redución de ratios e facelo xa en todas as ensinanzas, fixando para as novas ratios con carácter legal a mesma validez que as ratios actualmente vixentes; recuperar o horario lectivo de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria e reducir de forma efectiva e inmediata a burocracia", unha demanda que, precisa, conta co apoio da maioría do profesorado, expresada coa sinatura de 16.257 docentes e co impulso da maioría sindical.

