A Xunta reabre este 11 de maio o prazo para solicitar a entrada ou cambio de centros educativos

Dispositivos electrónicos nun colexio público (Europa Press)

O trámite poderá facerse durante unha semana. A publicación provisional será até 9 de xuño e a definitiva até 26 de xuño.

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional reabre desde esta segunda feira e durante unha semana, até a seguinte segunda feira día 18, o prazo para que as familias soliciten o cambio ou a admisión en centros escolares para o vindeiro curso 2020/21.

Este trámite que agora se retoma fora suspendido pola declaración do estado de alarma, polo que durante o próximos sete días as familias que non presentaran a solicitude poderán facelo.

En concreto, este período de admisión vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo --maioritariamente en 4º de Educación Infantil--, así como para aquel de todos os niveis que desexen cambiar de centro, sempre que haxa prazas dispoñíbeis.

As solicitudes poderán presentarse preferentemente de maneira telemática, a través do portal 'admisionalumnado' da páxina da Consellaría, aínda que tamén se pode facer de forma presencial nos propios centros.

Posteriormente, as listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicarase até 9 de xuño, mentres que o definitivo será até 26 dese mesmo mes.

Tras iso, a formalización da matrícula para todos os ensinos irá do 1 a 10 de xullo, aínda que haberá un prazo extraordinario do 1 a 10 de setembro.