Denuncia da CIG

Educación mantén os concertos nos centros que segregan por sexo

Mobilización contra a LOMCE

A Consellaría segue a manter os concertos a centros de educación que segregan o alumnado por sexo tal e como aparece no DOG publicado este 21 de agosto de 2017. A CIG denuncia que esta orde, do 10 de agosto, sexa publicada en pleno período de vacacións e ve neste feito unha clara intención de que pase desapercibida para a sociedade galega.

CIG-Ensino censura, aliás, que se fixe a duración dos concertos en seis anos cando isto só é preceptivo para o ensino privado e sinalan que, en facendo isto, a Xunta de Galiza vai máis alá da LOMCE na defensa do ensino concertado.

 

Dende o sindicato nacionalista afirman que a Consellaría está a realizar recortes sistemáticos, inxustificados e inaceptábeis no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado mentres favorece os centros que segregan o alumnado por razón do seu sexo, publicamente vinculados co Opus Dei. Recordan ademais que estes concertos se mantiveron de xeito contrario á lei no seu momento.

 

Os colexios que segregan por sexo na Galiza son os centros privados concertados de Aloia, Las Acacias, Montecastelo, Montespiño e Peñarredonda.