CIG-Ensino convoca unha concentración contra os recortes de profesorado e o aumento de ratios

Alumnado do CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela no inicio do curso escolar. (Foto: Arxina)
A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, convoca unha mobilización contra a intención da Consellaría de Educación de "buscar por todos os medios" unha redución do persoal docente que foi contratado neste curso.

"Tirando tabiques, reducindo a distancia entre alumnado ou aumentando as ratios para desfacer o único beneficio que se viviu neste curso escolar marcado pola Covid-19 nos centros educativos". Estes son os motivos que levan a CIG-Ensino a convocar para esta cuarta feira, 9 de xuño, unha concentración diante da sede da Consellaría de Educación, en San Caetano.

O sindicato maioritario do sector advirte de que 1.350 postos de traballo "están no aire cos cambios que pretende introducir a Consellaría de Educación" e para o que se está servindo de instrucións moi concretas, denuncia, da Inspección Educativa.

De 1,50 metros a 1 metro

No caso de ESO e Bacharelato nalgúns casos dise que a medida a ter en conta será 1,20 metros entre cabezas do alumnado (fronte ao 1,50 metros con carácter xeral deste curso).

Noutros casos xa se fala directamente de 1 metro e mesmo algunha indicación vai máis alá e indica directamente que se fagan os cambios precisos e que se prepare o próximo curso escolar como un curso "normal", "recuperado as avultadas ratios de 30 na ESO e 35 no Bacharelato". "O obxectivo: reducir profesorado, a costa do que faga falta", denuncia o sindicato.

"Esas ratios, que partían da falacia dos grupos burbulla e que provocaron que permanecesen as aulas ateigadas con 25 nenos e nenas, poderían empeorar"

En Infantil e Primaria, a Consellaría, informa a CIG a través dun comunicado, "non se comprometeu publicamente a non superar en ningún caso" as ratios que se aplicaron neste curso que agora remata. "Esas ratios, que partían da falacia dos grupos burbulla e que provocaron que permanecesen as aulas ateigadas con 25 nenos e nenas, poderían empeorar se a Consellaría dá marcha atrás na decisión adoptada neste curso de desdobrar aulas se se superan os 25 alumnos e alumnas por aula", engade,

Esta ratio non é tal, lembra a CIG, "se contamos alumnado repetidor ou desprazado por cambio de residencia e que se matricula con posterioridade ao fechamento da matrícula". Nesa situación estaban, segundo información da propia Consellaría, 144 aulas de Infantil e Primaria no conxunto da Galiza. 

Coa protesta, o sindicato nacionalista reclama que, como mínimo, se manteñan as ratios e o profesorado do presente curso escolar. "Ao profesorado non lle valen os discursos ocos de agradecemento de Feixoo: quere feitos, e estes pasan por non volver ás andadas coa consabida política de recortes de dereitos e de condicións dignas para un ensino de calidade".