Educación

A CIG-Ensino reúnese coa Consellaría para exixir "melloras nas condicións docentes": estas son as súas demandas

Reunión entre representantes da CIG-Ensino e a Consellaría de Educación. (Foto: Nós Diario)
"Que esta perda de peso específico e relevancia dentro das contas da Xunta se produza nunha Consellaría que ten un dos maiores gastos de persoal é perfectamente indicativo do escaso valor que o PP lle dá á política educativa en xeral e ao ensino público en particular", censura a central sindical.

Unha representación da executiva da CIG-Ensino reuniuse co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para expor cuestións relacionadas coa calidade do ensino público e exixir "melloras nas condicións docentes". Entre as principais demandas presentadas polo secretario nacional da división de ensino desta central sindical, Suso Bermello, está a de reducir as ratios, "un clamor na comunidade educativa e a mellor forma de garantir unha atención de calidade e individualizada na ensinanza, que permite desdobrar, reforzos e apoios ao alumnado con diversidade funcional ou con maiores dificultades".

Recuperar o horario de 18 a 21 horas é outra das chaves. Bermello lembra ao respecto que só outras tres comunidades autónomas continúan con 20 horas lectivas en Secundaria e con 25 en Primaria e Infantil. A delegación da CIG tamén incidiu no exceso de burocracia no ámbito educativo e explicou que existe "un enorme malestar e fartura do profesorado pola ampliación da obriga de realizar programacións didácticas en todas as etapas educativas mediante aplicacións informáticas fechadas que pouco teñen a ver coa práctica docente real e que limitan tanto a forma de abordar as aulas como de avaliar o alumnado".

Suso Bermello tamén abordou o fechamento de unidades e dependencias, especialmente no rural. "Hai que protexer e ter en conta o inmenso valor de contar con servizos públicos no rural para evitar o seu despoboamento, atendendo as demandas dos centros en materia de persoal, non amortizando as xubilacións que se producen e regulando dunha vez por todas que materias pode impartir un profesor, pondo un límite e tendo en conta que debe ser un recurso excepcional", dixo.

Sobre todo isto, o secretario nacional da CIG-Ensino censurou que a Consellaría de Educación siga a ser "un dos departamentos que menos sobe nos Orzamentos da Xunta", mentres se sitúan os servizos públicos "como eixo central do Goberno galego". "Que esta perda de peso específico e relevancia dentro das contas da Xunta se produza nunha Consellaría que ten un dos maiores gastos de persoal é perfectamente indicativo do escaso valor que o PP lle dá á política educativa en xeral e ao ensino público en particular", criticou.

Procesos de estabilización

Na reunión tamén se abordaron os trámites que se están a realizar na actualidade para estabilizar as prazas estruturais que levaban anos cubertas temporalmente na Administración. Sobre isto, o sindicato mostrouse "preocupado" polo que acontecerá co persoal interino que non obteña praza unha vez resolto este concurso e o concurso-oposición extraordinario que terá lugar en xuño deste ano.

Así, solicitan unha cláusula de estabilidade en todo o regulamento das listas de substitución e das condicións laborais do persoal interino do ensino público para as e os profesionais que teñan unha idade avanzada ou moitos anos de servizo. No que ten a ver co persoal interino, a CIG reiterou a súa "frontal oposición" aos cambios estabelecidos na normativa estatal tras o pacto sindical de CCOO, UGT e CSIF co Goberno español que limita a tres anos a contratación de interinos. Tamén mostrou o seu "asombro" ante os cambios de última hora provocados pola propia Xunta no texto da Lei do emprego público, "que sitúa nunha maior incerteza o profesorado sen praza fixa".

FP

Por outra parte, a delegación sindical que asistiu á reunión tamén expuxo cuestións relativas á Formación Profesional. "Desde a CIG seguímonos opoñendo ao modelo de FP dual, xa que aínda non hai un informe sobre a suposta inserción laboral que esta modalidade suporía para os estudantes e que fai que as empresas privadas teñan man de obra barata ao seu antollo e que teñan a maior parte da capacidade de decisión posíbel, incluso na selección do alumnado".

Tamén neste sentido, o sindicato reclamou a igualdade de todo o profesorado que imparte ensinanzas en Formación Profesional, para o que utilizaron as 1.375 sinaturas coas que piden a equiparación salarial dos profesores técnicos de FP a extinguir ou que quedará nas especialidades singulares logo de que o Ministerio decidise pór como requisito para poder integrarse no corpo de Secundaria só o profesorado con titulación universitaria.

Lingua e igualdade

Finalmente, instaron a Xunta a aplicar "un cambio radical" na política lingüística non ensino e a derrogar o 'decreto do plurilingüismo' para substituílo por unha norma "que se centre en promover a presenza, dentro e fóra dás aulas, do galego". Aliás, lembran que a Consellaría leva "incumprindo a lei" dende 2007, ao non contar cun plan de igualdade para todo o profesorado.

"Hai que afrontar cando antes unha análise rigorosa das condicións laborais, do acoso ou das actitudes sexistas, da conciliación, das condicións do ámbito laboral, etc., buscando ou fomento da igualdade de trato e oportunidades entre a comunidade docente", apuntan desde CIG-Ensino.

Sinalan que os centros educativos teñen na actualidade un plan de igualdade para o alumnado pero que "moitos profesores non ou coñecen", segundo unha recente enquisa realizada pola CIG, polo que "non deixa de ser un papel mollado máis ao descoñecerse o seu contido e como actuar en caso de acoso ou outro problema grave".