A CIG-Ensino advirte dun "recorte sen precedentes" na Educación Secundaria

Estudantes nunha aula da Mariña (Foto: EP).
O sindicato baséase nun estudo propio realizado nos últimos días para sinalar a intención da Consellaría de Educación de reducir o persoal docente a respecto de 2019.

A CIG-Ensino alerta do "plan de liquidación dos actuais cadros de persoal dos centros educativos, especialmente de secundaria (ESO e Bacharelato)". Faino nun comunicado no que dá por constatada a intención da Consellaría de Educación, tras finalizar un estudo realizado polo propio sindicato no ensino público galego, en perto de 40% dos centros do país.

Así, pon de manifesto que no canto de blindar os cadros de persoal derivados da Covid, Educación planea "unha redución brutal" do profesorado chamados a reforzar as aulas o curso pasado.

"Os informes que a Inspección educativa solicitou no mes de maio aos centros para acomodarse a unha redución das distancias a 1,2 metros teñen agora as súas consecuencias na comunicación formal ás direccións dos centros da cota de profesorado do que disporán para o curso 2021/22, o que está a crear un enorme malestar en moitas direccións e mesmo nalgúns integrantes da inspección educativa que non aforran críticas en privado por unha cifras de profesorado que non só supoñen un risco de cara a afrontar coa máxima seguridade o curso escolar entrante senón que van máis alá, implicando un recorte sobre as cotas de profesorado de 2019/20, o último curso ordinario", afirma o sindicato maioritario no ensino.

"Recorte sen precedentes"

A redución pode chegar a perto de 10% do profesorado que impartiu docencia nos institutos de secundario no curso 2020/21, estima a CIG-Ensino, unha porcentaxe superior mesmo á contratación de reforzos Covid. Segundo os seus cálculos, a rebaixa podería alcanzar 4% do persoal docente que tiñan os centros no curso 2019/20. "E nalgúns institutos dáse o caso de que a redución de docentes vén acompañada dun aumento da matrícula e incluso dos grupos, o que é impresentábel".

Recolle o sindicato no comunicado que desde as direccións e o profesorado dalgúns dos centros afectados salientan "os serios problemas" que vai implicar este recorte para o correcto e normal funcionamento dos centros educativos.

Eivas e riscos

Entre outros, destacan, non poderán cumprir os protocolos de seguridade sanitaria, non poderán manter programas de mellora de aprendizaxe e rendemento, organizar agrupamentos flexíbeis de apoio ou laboratorio, veranse na obriga de reducir horas de garda "para levar ao límite a carga lectiva" e a reducir profesorado dirixido a lumnado con necesidades especiais e específicas de apoio.

"Hai numerosos centros que perderán unha boa parte do profesorado co que contaron neste curso 2020/21". Máis dunha vintena de centros perderán máis de 5 docentes, afirma a CIG-Ensino, "chegando a superar o dobre nalgúns casos e excepcionalmente o triplo".

Calidade educativa

A CIG-Ensino alerta das repercusións destas medidas sobre o persoal interino e substituto, que claramente se verá reducido no curso que entra, máis alá do efecto das oposicións, que non conta con ningún pacto de estabilidade e quen tan só terá expectativas de conservar parte dos postos de traballo en función do maior ou menor número de xubilacións.

Mais tamén advirte dun empeoramento da calidade educativa, polo que fai un chamamento a todos os sectores implicados "na defensa do ensino público para redobrar esforzos na loita contra quen, desde a Xunta, pretende agravar aínda máis as carencias dun sistema educativo habitualmente relegado polo PP desde as institucións", ademais de avanzar que promoverá mobilizacións a comezos de setembro "se non se producen os cambios que non só o sindicato senón toda a comunidade educativa demandan".