Denúnicao a CIG

"Pasividade” do Corte Inglés ante un acoso sexual en Compostela

El Corte Inglés de Compostela

A traballadora acosada e o seu marido, que tamén foi vítima de “acoso por asociación”, cvíronse na obriga de solicitar a rescisión do seu contrato de traballo, afirma o sindicato CIG.

 

A CIG-Servizos denuncia que a dirección territorial do Corte Inglés na Galiza e os sindicatos con representación no centro de traballo de Santiago, Fasga e Fetico “actuaron con pasividade diante dun grave caso de acoso sexual que chegou a provocar que tanto a traballadora acosada como o seu marido, que tamén foi vítima de “acoso por asociación”, se viran obrigados a solicitar a rescisión do seu contrato de traballo”. Un caso para o que xa ratificou sentenza o TSXG e que está pendente de xuízo –con data fixada para febreiro de 2020- pola vía penal.

Roberto Alonso, de CIG-Servizos, considera especialmente grave este tipo de actitudes por parte da dirección territorial dunha empresa como El Corte Inglés, “máis cando eran sabedores de que o acoso sexual afectaba a máis traballadoras e na propia sentenza se dá por probado que era vox populi”.

“Ela padeceu acoso sexual desde o ano 2012 até finais de 2016. O seu acosador era o seu xefe de planta. Durante ese período nunca cedeu e a consecuencia diso o que inicialmente foi acoso sexual pasou a ser acoso laboral e moral”, afirma a central

Do mesmo xeito, Alonso denuncia a “pasividade dos sindicatos con representación no Corte Inglés que non só non fixeron nada, senón que mesmo actuaron en conivencia coa empresa”.

Acoso sexual desde 2012

O sindicato nacionalista explica que Isabel Fraga Rodríguez comezou a traballar no Corte Inglés de Santiago como vendedora no ano 2000. Na mesma empresa traballaba o seu marido, Manuel Cao, desde 1985, como Xefe de Planta. “Ela padeceu acoso sexual desde o ano 2012 até finais de 2016. O seu acosador era o seu xefe de planta. Durante ese período nunca cedeu e a consecuencia diso o que inicialmente foi acoso sexual pasou a ser acoso laboral e moral”, afirma a central.

En abril de 2016 foi falar co Xefe de Persoal do Centro, contoulle o que estaba ocorrendo, pero a resposta que recibiu foi que non lle dera importancia a esas condutas e que se miraría o que facer. “Non se activou de inmediato o Protocolo, cando era o que tiña que se ter feito”, denuncia Alonso, para quen con esta actitude “El Corte Inglés deixou a esta traballadora indefensa e abandonada á súa sorte, incumprindo así toda a lexislación existente na materia”.

Diante disto, prosegue a CIG, Isabel Fraga pasa a situación de baixa por IT en novembro por un “trastorno adaptativo, con síntomas predominantes de ansiedade, con hipersensibilidade psicolóxica ao achegarse ao seu centro de  traballo ou ao falar do tema”.

Tamén outras compañeiras

Unha situación que afectou a Isabel Fraga mais que tamén dixeron ter soportado outras compañeiras e que leva ao representante da CIG-Servizos a lamentar “que se asuma como normal que un xefe actúe deste xeito ou que haxa unha situación tal no centro de traballo que dificulte ás traballadoras denunciar o acoso sexual que están sufrindo”.

Por iso exixe formación e información ás traballadoras e a todo o cadro de persoal do centro comercial, e non só a cargos intermedios “porque non se pode considerar normal que un xefe ou un compañeiro che diga vaia cu tes ou que, directamente, o toque”.

O CITSA -  órgano encargado da tramitación do “Procedemento de Prevención e Tratamento de Situacións de Acoso Moral, Sexual ou por razón de Sexo para a empresa Hipercor, S.A- e Corte Inglés   considerou que houbera acoso sexual mais non moral, unha situación que non puido soportar Isabel, que preferiu rescindir o seu contrato. “En primeira instancia, no xulgado do social, conseguiu unha indemnización pero o Corte Inglés aínda se atreveu a presentar un recurso que foi desestimado polo TSXG, que ratificou integramente a resolución recorrida”.