Unha xuíza da Coruña condena El Corte Inglés por tolerar o acoso sexual e moral a unha traballadora

Aspecto das instalacións de El Corte Inglés en Altamira (Cambre).

A sentenza considera probado que El Corte Inglés tolerou o acoso e non actuou contra o hostigador, chefe de tenda do Centro de Oportunidades de Altamira (Cambre). A traballadora sofreu secuelas psicolóxicas, cun diagnóstico de trastorno adaptativo mixto de predominio depresivo. A empresa e o chefe de tenda deberán indemnizar a traballadora na cantidade de 30.360 euros.

Unha traballadora do Centro de Oportunidades de El Corte Inglés de Altamira (Cambre) sofreu durante longos meses unha situación de acoso sexual e moral por parte dun chefe de planta da grande superficie comercial sen que a empresa exercese ningún "procedimento sancionador" contra o acosador.

Así o considera probado na súa sentenza condenatoria a xuíza Ana Rodríguez Piorno, do Xulgado do Social número tres da Coruña, quen condena o chefe de tenda e a El Corte Inglés a indemnizar a traballadora e a cesar na súa conduta de vulneración dos dereitos fundamentais da demandante. O chefe vulnerábaos por acosar a traballadora, a empresa por non actuar contra o acosador.

A sentenza, ditada o pasado 23 de xaneiro, estima só parcialmente as peticións da demanda porque a pretensión de desvincular xerarquicamente acosada e acosador non se pode levar a efeito, pois este hai meses que se prexubilou da empresa.

No capítulo de feitos probados, a sentenza, á que tivo acceso Sermos, refere que a traballadora -na nómina de El Corte Inglés desde o 21 de novembro de 2002, contratouna como dependente- foi trasladada ao centro de oportunidades de Altamira o 10 de setembro de 2013.

En maio de 2015, a traballadora xa era vítima de acoso sexual e laboral, o que a levou a solicitar o cambio de centro de traballo, petición que non lle foi concedida pola empresa.

O 4 de setembro de 2015 sofre unha crise nervosa e diagnostícaselle un cadro ansioso depresivo decorrente do acoso laboral. Tal circunstancia, enfatiza a xuíza, foi coñecida pola empresa.

O 13 de outubro de 2015 pide a activación do Protocolo de Acoso Laboral. A Comisión Instrutora para o Tratamento e Investigación de Situacións de Acoso no Corte Inglés (CITSA) conclúe que non houbo acoso nen sexual nen moral. A xuíza considera probado que ningún responsábel do CITSA acudiu ao centro de traballo para realizar unha investigación sobre o terreno.

O 15 de decembro de 2015, a traballadora apresenta unha denuncia por acoso sexual e laboral perante a Guardia Civil de Culleredo, o que dá lugar á apertura de dilixencias previas e a instrución dunha causa por parte do Xulgado de Instrución número 5 da Coruña.

En marzo a dependenta denuncia os feitos ante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social. A Inspección conclúe que non hai indicios de acoso, mais si de "comportamento inapropriado" por parte do chefe de tenda.

A traballadora áchase de baixa desde o 3 de setembro de 2015 cun diagnóstico de trastorno adaptativo de predominio depresivo.

Nos fundamentos de direito da sentenza, a xuíza comeza por facer unha reflexión sobre a dificuldade para obter material probatorio neste tipo de demandas, sendo que "en non poucas ocasións se producen sen que haxa testemuñas".

Porén, a maxistrada achou que a "versión da traballadora resulta absolutamente críbel", entre outros elementos porque no xuízo o demandado "verteu" unha frase "especialmente rechamante", a de que perante as súas accións "ela nunca lle dixo que lle molestara". "Unha aseveración absolutamente fóra de lugar se o demandado, como sostén, non tivese realizado á demandante os comentarios inapropriados que ela propria denuncia", afirma a ponente da sentenza

Considera a xuíza que a existencia de informes médicos sobre o estado de saúde da traballadora, en coincidencia cos feitos denunciados, outorgan credibilidade ao seu testemuño. A maxistrada avalía tamén a "persistencia e firmeza" con que se expresou durante o xuízo, en concordancia tamén coa mesma "contundencia" coa que se manifestou no proceso de instrución desta causa.

Hai acoso sexual -tocamentos, insinuacións, acurralamentos-, mais tamén acoso moral, aquel que pretende o "desmoronamento íntimo ou psicolóxico da persoa". E nese sentido, a xuíza lembra que a Inspección de Traballo considerou probado o trato déspota inflixido polo chefe de tenda á dependenta.

Conduta "omisiva e en certo modo permisiva" de El Corte Inglés

A respeito da actitude de El Corte Inglés, a xuíza entende que existiu falta de amparo por parte da direccion da empresa, que coñecía "a situación da traballadora", sen que conste que tivese realizado ningunha actuación ao respeito". Á empresa constáballe que "a traballadora estaba sendo acosada no desempeño do seu traballo diario", o que torna a El Corte Inglés merecente dunha "responsabilidade económica" ao non ter "exercido o procedimento sancionador contra o acosador". A súa conduta foi portanto "omisiva e en certo modo permisiva coa situación".

A empresa sería, alén do máis, responsábel civil subsidiaria porque o acosador era un "empregado de confianza" sobre o cal non existía ningún tipo de control ou supervisión. A carencia de control sobre os actos do chefe da tenda fai que a empresa deba responder de todos os seus "excesos".

"Sen apoio probatorio preciso"

A liña de defensa quer da persoa demandada quer de El Corte Inglés é que a acción contra eles carecía de "apoio probatorio preciso". Contra a sentenza cabe recurso face o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Vulneración de dereitos fundamentais

En definitiva, a xuíza condena o chefe de tenda e a El Corte Ingles por vulnerar os dereitos fundamentais da traballadora e dispón que, alén da indemnización, se restitúa a vítima do hostigamento "á situación anterior á produción do acoso de que ten sido obxecto".

É absolvida nesta sentenza a chefa segunda da tenda, a quen a xuíza considera que non lle pode imputar acoso laboral por non existir dependencia xerárquica entre a traballadora e ela.