A CIG denuncia que A Mariña queda sen rehabilitación e fisioterapia

O Hospital da Costa, en Burela. Foto: Galipedia.

O Sergas rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas da Mariña o pasado 31 de xaneiro. Desde ese día, as persoas que eran atendidas nas mesmas “viron suspendido o tratamento de fisioterapia sen recibir nin información nin solución do Sergas”, denuncia a CIG.
 

O sindicato esixe “un plan urxente de mellora da rehabilitación e fisioterapia na comarca”. “Cómpre abordar o abandono da rehabilitación e fisioterapia, erradicar as listas de espera e daer solución á situación das persoas derivadas polo Sergas á privada e que agora quedan sen tratamento de fisioterapia”, di a central nacionalista.

 

A reclamación da CIG consta de catro puntos. O primeiro, dotar o Hospital da Mariña de “dous médicos rehabilitadores”. Na actualidade só hai un para unha poboación de máis de 70.000 habitantes. O segundo, persoal diplomado en fisioterapia para abrir en quenda de tarde os ximnasios dos centros de saúde de Ribadeo e Viveiro. Agora só abren pola mañá.

 

O sindicato tamén revindica que o ximnasio do ambulatorio de Foz contrate fisioterapeutas para a quenda da mañá e mais para a da tarde e a habilitación do de Mondoñedo, “actualmente pechado e sen material”. O último punto defendido é a creación do servizo de fisioterapia do Centro de Saúde de Burela, “hoxe inexistente”.

 

“Deste xeito obteríamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de rehabilitación e fisioterapia 100% público e de calidade”, conclúe a CIG.