A CIG denuncia “falta de rigor e desprezo ao galego” na Selectividade

Proba de Selectividade en 2016. Imaxe: cedida.

Desprezo ao galego, improvisación e falta de rigor é o resumo que fai a CIG das probas de Selectividade, agora denominadas probas ABAU. Ademais, engade o sindicato, houbo tamén “falta de previsión” na suspensión do exame de filosofía a sexta feira, 14 de xuño, por deficiencias na súa formulación.

“Segundo nos comunica profesorado e alumnado presente nas probas esta sexta feira”, indica a CIG nun comunicado, “o exame de bioloxía e xeoloxía só fo repartido aos estudantes en castelán”. Cando algúns deles solicitaron versión en galego só a recibiron unha hora despois do inicio do exame mais apenas lles concederon dez minutos de prazo a maiores para realizalo.

“As instrucións da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) era entregar os exames [desas materias] en galego e en castelán. É curioso que precisamente unha vez máis os erros se produzan na nosa lingua”, denuncia a central sindical, “o que demostra a falta de rigor por parte da Administración á hora de velar polos ereitos lingüísticos do alumnado”.

Co caos nas probas de filosofía, derivado de erros na formulación dos exames, a CIG tamén critica a “falta de previsión” da CIUG. As probas quedaron aprazadas para as catro da tarde do 14 de xuño “cando estaba previsto que finalizasen xa esta mañá. Debeu existir algún probelam cos exames de reserva que deben ter todas as materias. A estes xa se recorreu, con éxito, o primeiro día das probas ABAU ao ter que substituír o exame de lingua galega 2 por abrir o paquete antes de tempo”.