CIG denuncia que membros da dirección do Hospital da Mariña saltaron os protocolos para vacinarse

Pide a dimisión dos responsábeis.

CIG Saúde denuncia que a dirección do Hospital da Mariña saltou os protocolos para vacinarse.  O sindicato lembra que segundo as instrucións do Sergas tivo lugar a vacinación COVID 19 de persoal do Grupo 2, persoal de institucións sanitarias de primeira liña de atención a pacientes COVID e/ou inmunodeprimidos e persoal exposto a riscos biolóxicos.

“Seguindo está instrución nesta fase non se atopaban incluídas as persoas con cargos directivos dos centros hospitalarios, e menos cando aínda quedan máis de 250 compañeiros/as sen recibir a primeira dose da vacina, moitas con función asistencial aos pacientes”, explican.

“Dende CIG Saúde temos constancia de que no Hospital da Mariña, o 18 de xaneiro de 2021 foi vacinada a Directora do Distrito da Mariña, a Subdirectora Médica, a Subdirectora de Enfermaría, a Supervisora de Área e a Xefa de Admisión e Documentación Clínica, empregando o poder que lles da o seu nomeamento para vacinarse saltándose o protocolo establecido polo propio SERGAS, namentres unha parte importante do persoal asistencial non foi vacinada pola falla de doses para todo o persoal”, afirman.

“Nunha xuntanza que mantivemos con esta Dirección o día 19 de xaneiro, a propia Directora do Distrito Sanitario explicou o plan de vacinación, e afirmou que tanto a parte administrativa, como a equipa directiva e as organizacións sindicais serían as últimas en recibir a primeira dose, e sempre en función da dispoñibilidade das mesmas, cando xa se atopaba vacinada dende o día anterior”, denuncian.

Dende CIG Saúde A Mariña entenden que este acto carece de ética e de moral e amosa un abuso de poder ao utilizar vacinas destinadas a persoas de primeira liña de risco para protexerse a se mesmas.