Sanidade cualifica de "demanda asistencial moi alta" o colapso nas Urxencias do Chuac

Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
A central sindical acusa ao Sergas de falta de persoal nos Puntos de Atención Continuada (PAC) está a provocar un aumento de pacientes nas urxencias dos hospitais de Pontevedra e Vigo. 

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde)  denunciou un "colapso" nas urxencias do Chuac da Coruña, con 60 pacientes na mañá de onte "estancados en urxencias" mentres que a xerencia asegurou que hai unha "demanda asistencial moi alta".

Pola súa parte, a CIG-Saúde de Pontevedra e Vigo tamén alertou que a falta de persoal médico nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e nos centros de saúde está a provocar o colapso dos servizos de urxencias hospitalarias.

Desde a central sindical denuncian que neste contexto "o Sergas opta por derivar pacientes a centros sanitarios privados no canto de reforzar o sistema público". A través dun comunicado afirman que a saturación experimentada polos servizos de urxencias "fíxose visíbel nos últimos días nas áreas sanitarias viguesa e pontevedresa, con ducias de doentes pendentes de cama, en moitos casos acumulados nos corredores". 

Poñen como exemplo que no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o aumento das necesidades de camas levou a desdobrar as habitacións en varias plantas. En Pontevedra optouse por trasladar pacientes ao hospital do Salnés e a centros privados, igual que no caso de Vigo.

Malia esta circunstancia, aseguran que "non se traduciu nun aumento de persoal, tendo que atender unha única enfermeira a 20 doentes no Álvaro Cunqueiro".

Esta acumulación de pacientes nos corredores supón, ademais dun aumento de carga de traballo para o persoal, unha situación de inseguridade na asistencia. “Isto tradúcese nunha atención precaria das persoas enfermas”, sinalan desde a CIG-Saúde de viguesa.

No caso de Pontevedra, sosteñen que a situación durante a fin de semana "foi insoportábel" e o persoal viuse "superado pola situación".

Neste contexto, desde a central nacionalista afirman que "o Sergas optou por realizar traslados de doentes a centros privados en lugar de reforzar o sistema público, no caso de Pontevedra mesmo utilizando o 061 para os traslados". Por este motivo, desde a CIG-Saúde demandan "que se reforcen as unidades afectadas e que se informe da situación aos representantes do persoal".