Educación

A CIG prevé unha implantación "abrupta" e "caótica" da nova lei de FP

Alumnado de FP no CIFP Compostela. (Foto: CIFP Compostela)

Critica que Xunta e Estado non conten co profesorado e os sindicatos para implantar a nova lei de Formación Profesional.

A CIG-Ensino criticou que tanto o Ministerio de Educación como a Xunta da Galiza non contasen co profesorado nin coa súa representación sindical para implantar a Lei orgánica de Formación Profesional (LOFP). Nun comunicado remitido aos medios, a central sindical nacionalista sinala que esta norma empeorará a calidade da FP ao restarlle peso aos módulos profesionais, introducir a dualización en todos os ciclos, incrementar a privatización e deixar a porta aberta á contratación docente externa.

O sindicato insta o Ministerio e a Consellería de Educación a convocar de inmediato tanto mesas sectoriais como Consellos de FP para abordar todos os borradores de Real Decreto que modifican os actuais títulos de FP básica, Ciclos Medios, Superiores e Cursos de especialización.

Neles, segundo advirte a CIG, abórdase, entre outras cuestións, a desaparición dos módulos de formación e orientación laboral (FOL), empresa e iniciativa emprendedora (EIE) e formación en centros de traballo (FCT), inclúense os módulos de nova creación e increméntase o tempo de permanencia na empresa desde o primeiro curso, así como tamén todos os proxectos de Real Decreto polos que se estabelecen os graos A, B e C de todas as familias profesionais.

Implantación "abrupta" e "caótica"

O sindicato censura que para a elaboración de toda esta normativa, de "enorme transcendencia e sobre a que este mes de febreiro terá que traballar unha comisión de profesorado da Galiza, non se contou coa opinión docente nin coa súa representación”.

Así mesmo, critica a Xunta por anunciar que está en exposición pública o decreto polo que se regula a ordenación da FP na Galiza desde o pasado 16 de xaneiro, cando non é certo, e por non prever con antelación licencias de formación e outras medidas que lle permitan ao profesorado preparar contidos e materiais dos novos módulos e graos que se van a implantar a partir do próximo curso.

O curso 24/25, segundo o sindicato, será outro exemplo de experimentación absoluta coa FP, como xa ocorreu noutras ocasións coa implantación do sistema de calidade e coas sucesivas reformas normativas, pero esta vez "de forma totalmente abrupta" e "caótica".

O sindicato sinala que, por culpa da "improvisación" das dúas Administracións educativas, a implantación da nova LOFP, tendo "algunha cousa positiva", suporá en xeral un empeoramento na calidade da oferta formativa cando menos na oferta dos graos D e E.

Ademais, avisa de que tan só quedan cinco meses lectivos antes da súa aplicación e o profesorado, unha vez máis, comezará o próximo curso improvisando sobre a marcha sen coñecer con antelación nin poder preparar o que a impartir.