A CIG convoca folga xeral de mulleres de 24 horas para o 8 de marzo

A CIG rexistra folga de mulleres para o 8 de marzo. A segunda pola dereita é Margarida Corral, secretaria de Mulleres da CIG. Foto: CIG.

Margarida Corral, secretaria de Mulleres da CIG, acompañada de mulleres da Executiva Confederal e a Comisión Nacional de Mulleres, presentou esta cuarta feira 6 de febreiro a convocatoria de folga xeral para o vindeiro 8 de marzo.

 

Após rexistrala na Consellaría de Traballo, Corral explicou que a greve transcorrerá de 00:00 a 24:00 horas, agás naquelas empresas e organismos con quendas de traballo que impliquen esas horas, nas que a folga durará da primeira á última quenda. Este ano 2019 o Día Internacional da Muller caerá en sexta feira.

 

O sindicato nacionalista comparte as propostas do movemento feminista e inclúe entre as súas demandas para a xornada “diminuír a fenda salarial e estabelecer mecanismos de control” para evitar discriminacións; o recoñecemento dos dereitos “á conciliación, a lactancia e ao acompañamento a consulta médica ou titoría”; o estabelecemento dunha xornada laboral de 35 horas e as sancións a empresas que non dispoñan de plan de riscos laborais “específico para embarazadas” e medidas para “detectar e eliminar situacións de acoso e violencia no traballo”.

 

A secretaria de Mulleres da CIG denunciou ademais que transcorrido un ano da masiva mobilización de mulleres do pasado 8m “aínda non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións que o feminismo de clase ten para que unha vida digna das mulleres”.

 

“O obxectivo da folga é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade histórica que soportamos as mulleres, á discriminación laboral e social, que se incrementou debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis, por mor das medidas que supostamente foron deseñalas para paliala”, afirmou Corral.

 

Entre estas medidas, salientou os recortes no gasto público, dos que dixo que teñen un “grande impacto nas mulleres dada a nosa presenza no sector público"; a reforma laboral que “precarizou aínda máis as condicións de traballo”; a reforma das pensións que “afecta singularmente ás mulleres”, quen adoitan interrumpir a súa vida laboral polo coidado de crianzas e maiores e sofren máis risco de traballar en negro, polo cal se atopan con “atrancos á hora de acadar a cotización exixida”; as medidas para mellorar a empregabilidade da mocidade, afectada pola  "temporalidade e precarización do emprego" ou a reforma do réxime de empregadas do fogar que “perpetúa a discriminación dunha actividade historicamente feminina”.

 

Apuntou directamente a Xunta de Galiza, cuxas políticas di "provocaron o desmantelamento dos servizos sociais públicos”, mentres financiaban “con cartos públicos a un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista no marco dunha lei, a de familia, que cousifica ás mulleres e que pretende devolvelas ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”. Esixiu, por último, que se derroguen todas as leis e reformas lexislativas que “perpetúan a vulneración dos dereitos que sofren as mulleres”.