A CIG convoca folga de 24 horas o 8-M para reivindicar que os dereitos das mulleres "non se confinan"

Margarida Corral (Foto: CIG)

A central sindical fai un chamamento ás traballadoras a secundar o paro de 24 horas e a participar nas mobilizacións convocadas para esa xornada

A CIG formalizou esta cuarta feira a convocatoria da Folga de Mulleres do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. A folga de 24 horas afectará a todas as actividades e a todos os centros de traballo de Galiza, tanto no sector público como privado.

A secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral, explicou que a decisión de convocar folga, adoptada no VII Encontro Nacional de Mulleres da CIG do pasado 3 de decembro, responde ao debate iniciado en anos anteriores ante a necesidade “de rachar coa hipocrisía e a banalización na que se estaba a converter a celebración de datas senlleiras vinculadas cos dereito  das mulleres, recuperando o carácter reivindicativo e  de clase que ten o 8 de Marzo”.

A este respecto, entende que “encaramos un novo 8 de marzo nun ano marcado pola pandemia e as restricións adoptadas polos Gobernos para intentar afrontar a crise sanitaria e socioeconómica derivada da Covid-19 ".

A CIG convocará actos e mobilizacións en varios puntos das sete cidades galegas, facendo extensivas as protestas ao maior número de vilas posíbel

Sobre a pertinencia de convocar folga de mulleres, Corral manifestou que "fronte a quen poida pensar que non é o momento de convocar unha folga nunha Galiza con peches perimetrais, con limitacións de mobilidade e mesmo toques de recoller, desde o feminismo de clase consideramos que urxe manifestarnos e combater nas rúas os ataques aos nosos dereitos, porque se algo evidenciou a pandemia é que as mulleres seguimos condenadas polo sistema a sufrirmos as máximas consecuencias da crise".

Asevera que as mulleres "iremos á folga porque os nosos dereitos non se confinan, porque estamos fartas da hipocrisía de quen se pon fitas de solidariedade, de quen se autodefine como aliado feminista, mais precisamente cando máis se necesita tira ao lixo os dereitos das traballadoras esenciais, obriga ás mulleres a asumir de balde o coidado das persoas dependentes que o estado debera blindar".

Lembrou que a fenda salarial de xénero acadou en Galiza o 20.5% no ano 2019, e engade que se estas desigualdades retributivas se recortaron con respecto ao ano 2018 non foi porque se incrementaran os salarios das mulleres, senón pola destrución de traballo masculino en  actividades mellor remuneradas.

Xunto a isto, chamou a atención sobre a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300 euros menos que un galego e sobre o feito de que das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.

A CIG convocará actos e mobilizacións en varios puntos das sete cidades galegas, facendo extensivas as protestas ao maior número de vilas posíbel. Naqueles lugares onde non sexa posíbel convocar, a central sindical chama as mulleres que secunden a folga a mobilizarse diante dos concellos onde residan con cartaces e simboloxía alusiva á xornada de loita.

E no caso das mulleres que non poidan secundar a folga por formar parte dos servizos mínimos, a CIG anímaas a que leven os colantes de “Eu apoio a folga das mulleres.

Así mesmo, a central nacionalista tamén fai un chamado a participar activamente nas mobilizacións que durante o 8 de Marzo sexan convocadas parte do movemento feminista galego nas distintas localidades.