A CIG súmase aos comuneiros e pide o apoio social para evitar a privatización do monte veciñal galego

Recollida de sinaturas para a ILP da ORGACCMM. (Foto: Nós Diario)
De consumarse a finais de xuño a aprobación da nova lei de montes veciñais proposta pola Xunta, tanto os comuneiros como o principal sindicato galego denuncian que abriría a porta á privatización e especulación masiva co monte veciñal galego.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de facer público o seu apoio aos comuneiros integrados na Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) que presentaron unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para evitar o "roubo" do monte veciñal galego a través da súa privatización.

Unha delegación de comuneiros mantivo a semana pasada unha serie de encontros no Parlamento galego cos tres grupos parlamentarios de PP, BNG e PSdeG, en relación a intención dos populares galegos de fomentar a privatización os terreos en mancomún coa nova lei de montes veciñais.

Neste sentido, desde a ORGACCMM critican que os deputados do PP, lonxe de retirar a súa proposta, dado que fora presentada con posterioridade á ILP dos comuneiros, aseguraron que manterán o seu texto para que sexa aprobado na Cámara, xa que non é do partido "senón da Xunta".

De consumarse a aprobación desta lei do PP, a finais de xuño, tanto os comuneiros como o principal sindicato galego denuncian que abriría a porta á privatización e especulación masiva co monte veciñal galego.

ILP dos comuneiros

Fronte á proposta do PP está a ILP rexistrada polos comuneiros da ORGACCMM, que se atopan agora mesmo recollendo sinaturas para entregar na Mesa do Parlamento.

Tal e como explica a organización, o seu proxecto de lei de montes veciñais ten por obxectivo reforzar o "carácter xermánico" dos montes en man común; isto é, considerar a veciñanza omo único requisito para ter a condición de veciño ou veciña comuneira.

Ademais, recoñecería o monte veciñal como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas, e consideraría como aproveitamentos e usos do monte veciñal todos aqueles que se dan nos mesmos.

Por último, a ORGACCMM propón declarar os montes veciñais en man común como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesma.