Denuncian un novo intento de usurpar os montes comunais

As Comunidades de Montes alertan das modificacións que quere facer o Goberno galego sobre a lei de acompañamento aos orzamentos xerais de Xunta da Galiza para o ano 2022.
Asemblea das Comunidades de Montes (Nós Diario).
photo_camera Asemblea das Comunidades de Montes (Foto: Nós Diario).

A Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm) alerta, a través dun comunicado, de que "o PP impulsa varias modificacións da lei de montes veciñais en man común actualmente vixente mediante a lei de acompañamento os orzamentos xerais de Xunta de Galiza para o ano 2022". 

Esta organización afirma que "se sae adiante esta lei, bastará con que a Consellaría do Medio Rural declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradado para que este poida ser expropiado e entregado a unha empresa forestal para que o explote".

Perda por cuestións burocráticas

As organizacións comunais denuncian que esta declaración de monte veciñal abandonado  que busca a Xunta "pode basearse en cuestións meramente burocráticas como pode ser, mesmo,  o non envío en tempo do listado da veciñanza comuneira". 

Caso de que se perdera o uso do monte comunal por algunha das razóns que especifica a modificación, afirman que este "sería entregado por 50 anos e a veciñanza comuneira non poderá recuperar a súa xestión até pasado ese tempo".

"Se sae adiante esta lei, bastará con que a Consellaría do Medio Rural declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradado para que este poida ser expropiado", indica

Se chegara esta situación, desde as organizacións comunais afirman que sería "inviábel de todo unha continuidade ou recuperación da administración comunal do monte".

No comunicado a Orgaccmm fai un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestinan o medio rural "para que rexeiten as modificacións da lei de montes veciñais que pretende introducir o Partido Popular".

Consideran que teñen como obxetivo "a eliminación dos montes veciñais en man común, que son unha seña de identidade do noso país".

Comentarios