Sanidade

A CIG advirte do "desmantelamento" do servizo de Dixestivo no Hospital da Mariña

Hospital público da Mariña. (Foto: Sergas)
“O 1 de febreiro do 2023 ausentouse unha das médicas que non foi cuberta, polo que desde esa data, unha soa dixestóloga está á fronte do servizo”, indican desde a CIG.

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) denunciou onte que o Hospital da Mariña tan só conta cunha dotación de dúas facultativas especialistas en Dixestivo para dar cobertura sanitaria a unha poboación de 72.000 habitantes.

“O 1 de febreiro do 2023 ausentouse unha das médicas que non foi cuberta, polo que desde esa data, unha soa dixestóloga está á fronte do servizo”, indican.

“A Xerencia de Lugo, coa complicidade da dirección do hospital mariñao, mantén a segunda praza do Hospital da Mariña sen cubrir, incrementando a lista de espera de pacientes, promovendo derivacións de pacientes a centros privados de Lugo para a realización de probas endoscópicas e favorecendo así o desmantelamento do servizo”, alertan desde o sindicato nacionalista.

"Novo ataque" contra a sanidade

Para a CIG-Saúde da Mariña isto supón un “novo ataque” contra a sanidade da comarca da Mariña convertendo a veciñanza "nunha cidadanía de segunda”. Por iso, a central sindical pregunta se “estes son os máis e mellores servizos que o Partido Popular anunciou para o Hospital da Mariña e onde están os médicos que ían vir desde Lugo”, ao tempo que “exixen a cobertura de todas as ausencias e en todas as categorías para garantir unha atención sanitaria de calidade e de proximidade”.

Para a CIG a “implantación da área única de Lugo, sumada á reforma da Lei de Saúde que suprimiu a área Sanitaria da Mariña, supón a perda de recursos económicos, materiais e humanos para a Sanidade da comarca”, conclúen.