As cifras de contaxios seguen en aumento

Galiza rexistra tres novas mortes

Continúanse a realizar test PCR á poboación. / Ricardo Rubio

O número de mortos por causa da Covid-19 é xa de 659, tres máis dos que figuraban na actualización anterior, realizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, após informarse na tarde de onte do falecemento de tres persoas que estaban ingresadas no Hospital Lucus Augusti, en Lugo, dúas delas relacionadas coa residencia de maiores do Incio.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos da Covid-19 na Galiza é de 4.175, o que supón un aumento de 38 novos casos con respecto dos datos compilados onte.

Por áreas sanitarias, na da Coruña os casos activos son 1.424, co que se reduce a cifra en 22 casos nas últimas 24 horas; na área de Lugo constan 810, o que supón media ducia de novos contaxiados; a cifra na área de Compostela e Barbanza ascende tamén en 11 positivos e chega a 688; a área de Ourense conta tamén cun ascenso dunha ducia de casos novos, o que sitúa a cifra en 429 persoas; 15 casos novos suceden na área de Pontevedra que chega aos 323; a área viguesa ten 7 casos novos dun total de 344; e a que menos casos segue a cuantificar, a área ferrolá, suma 9 caos novos e sitúase nos 157.

A Xunta informa tamén de que o total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.971 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 13.649 persoas curadas, 38 máis que na xornada de onte, e rexistrándose 659 falecementos. O número de PCR realizadas é de 363.957.

Os centros de maiores

Un persoa usuaria da residencia de maiores Orpea, de Culleredo, e un traballador da do Incio deron positivo en Covid-19 nas últimas 24 horas, co que o número total de casos activos nestes centros sitúase en 228, dous menos que onte. A baixada explícase porque, a pesar destes dous novos positivos, desaparecen do parte dúas persoas emrpegadas na residencia do Inci,o que se curaron, e polo falecemento, notificado o sábado, de dúas persoas relacionadas con esta residencia que estaban ingresadas no Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Deste xeito, o total de persoas usuarias diagnosticadas coa enfermidade é de 162, segundo os datos das consellarías de Sanidade e Política Social, recollidos a última hora de onte. En canto ás persoas traballadoras, un total de 66 están a pasar a enfermidade actualmente.

O centro do Incio segue a ser o máis afectado, con 82 maiores e 33 persoas traballadoras. Na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, constan 46 casos entre as persoas usuarias e oito entre as traballadoras.