A cifra de persoas afogadas supera xa todo o ano 2015

[Imaxe Mundoentrenamiento]

Após a última morte en Cangas o número ascende a 47. Socorristas denuncian falta de medios nas praias. 

O número de persoas afogadas no que vai deste ano na Galiza superou xa o total destas mortes en 2015. O último caso rexistrado, esta sexta feira nunha praia de Rodeira en Cangas, suma a 47ª vítima mortal fronte ás 42 rexistradas do pasado ano. Trátase, aliás, do mesmo areal no que faleceu hai dous días outra bañista e un home resultou ferido. Unha "triste casualidade" en verbas do alcalde da localidade pois, nesta ocasión, podería tratarse dunha persoa que sufriu un infarto mentres nadaba e pola que non se puido facer nada malia os esforzos médicos do persoal sanitario desprazado até a praia. 

Desde a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galiza denuncian a "falta de persoal e material" coa que desenvolven o seu traballo toda vez que o noso país perdeu 14 bandeiras azuis por non contar con socorristas e no mes de xullo aínda non contaban con estes equipos 70 areais. 

As causas son diversas. Dunha banda a falta de persoal que conte coa formación exixida para desenvolver o labor de socorrismo, en boa medida polo elevado custe do curso --máis de mil euros-- fronte aos pequenos salarios que se perciben e a limitación dos contratos a apenas un par de meses no verán.