"Os recortes custan vidas"

AGE quer un socorrista en cada praia galega

Juan Manuel Fajardo analizou a situación dos socorristas en Galiza. Foto: Adrián Ferro

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Manuel Fajardo, compareceu ante os medios para alertar da falta de socorristas nos areais galegos e relacionándoos cos accidentes mortais producidos este verán na costa galega.

Cada praia debería ter, polo menos, un socorrista. Esta é a proposta de AGE, que critica que as actividades lúdicas poidan converterse en actividades de risco pola ausencia de vixianza cualificada.

“É obrigatorio que cada piscina teña un socorrista e non que o teña cada praia. Isto é un anacronismo”

“É obrigatorio que cada piscina teña un socorrista e non que o teña cada praia. Isto é un anacronismo”, afirmaba Fajardo, quen expuxo que sería posíbel cubrir a totalidade das praias galegas cun socorrista: “É asumíbel en termos económicos, significaría un 5,8% do orzamento das políticas de activación do emprego”, referíndose a un período entre o mes de xuño e finais de setembro. De todos xeitos, o deputado de AGE moderou esta proposta adaptándoa ás praias de uso habitual, 193 en total, o cal suporía un gasto de 7,5 millóns de euros.

Por outra banda, Fajardo referiuse ás más condicións laborais que sofren os socorristas e que provocan que cada vez sexan menos as persoas que tenten acadar a cualificación para o posto. Fajardo reclamou un salario xusto para eles, xa que na actualidade a media sitúase por debaixo dos 1.000 €, así como apuntou que “o alto custe da titulación -entre 1300 e 1800 euros- vira inasumíbel para dous meses de emprego”.

“O sector do mar está á cabeza nas cifras de accidentes laborais”

Neste senso desde AGE proponse acadar que os socorristas poidan ter un ano laboral de catro a seis meses, para aumentar a calidade deste emprego, buscando alternativas como a creación dun corpo de vixiancia mixto co obxectivo de ter cubertas tanto as actividades lúdicas do verán como as laborais do inverno: “O sector do mar está á cabeza nas cifras de accidentes laborais”, dixo Fajardo, quen se laiou de que en moitos casos sexan as mariscadoras as encargadas de realizar o labor de vixianza nas praias onde traballan.

“O 100% do salario dos socorristas debería ir por conta da Xunta”

Fajardo rematou afirmando que “o 100% do salario dos socorristas debería ir por conta da Xunta”, para evitar os casos de concellos que non poden pagar socorristas nas súas praias ou que ofrecen uns salarios demasiado baixos.