A cifra de mulleres maltratadas que acceden ao salario da liberdade cae un 45% nun ano

Acción contra a violencia machista. [Imaxe: SG]

Os dados da propia Xunta de Galiza sitúan no 8,3% a redución do número de mulleres que presentan denuncia, segundo a resposta que deu ao grupo parlamentar do Bloque durante a comisión de igualdade.


Un 45%. É a porcentaxe de mulleres en situación de violencia machista que neste ano 2013 quedaron sen o salario da liberdade a respeito dos dados do ano 2012.

Aliás, a comparativa dos seis primeiros meses de ambas as dúas anualidades permite constatar tamén unha baixada do 25% na apertura de novos expedientes e dun 20% nas ordes de protección que se ditaron. As denuncias caeron tamén nun 8,3%.

Os dados son da propia Xunta de Galiza e foron facilitados após unha pregunta formulada pola deputada do Bloque Carme Adán durante a reunión da comisión de igualdade.

Adán cualificou de "alarmante" a cifra de mulleres que non teñen acceso aos recursos que se poñen ao seu dispor para enfrontar o terrorismo machista e instou ao Goberno galego a facer "unha reflexión inmediata" tomando en consideración os informes internacionais que alertan xustamente de que "en periodos de crise as mulleres teñen maiores dificultades para acceder aos recursos e fican obrigadas á convivencia co seu agresor".

Na liña, instou á Xunta a axilizar os trámites para a concesión do salario da liberdade, así como a "non rebaixar a categoría de vítima de violencia de xénero", en relación á intención do Goberno español de que unicamente fagan parte das estatísticas aqueles casos de malos tratos onde a agredida precise ser hospitalizada durante máis de 24 horas.