"A Xunta bateu todos os récords de incompetencia"

Pontón pide á Fiscalía que investigue a Xunta polo caos das Cíes

A portavoz nacional do BNG exixe a Feijóo que compareza no Parlamento galego antes de que conclúa o mes de agosto. O escándalo producido pola sobre-venda de billetes para as Cíes -que deixou estes días miles de persoas sen poderen desembarcar nas illas- revela o "fracaso" da privatización das rotas de transporte ao parque natural, defende Pontón.

Ana Pontón estivo esta cuarta feira en Vigo para, nunha comparencia informativa na Estación Marítima, bater duramente contra a Xunta pola súa xestión da crise das Cíes. "Unha xestión absolutamente nefasta e incompetente", xulgou a portavoz nacional. "Parece difícil que se puidese facer pior. A Xunta da Galiza bate todos os récords de incompetencia", avaliou.

 

"Se se chegou a esta situación", analisou Pontón, "foi porque a Xunta permitiu que a burbulla das Illas Cíes [a súa masificación turística] se fose facendo cada vez máis forte". A Administración galega non tería feito nada por pinchar esa burbulla, que lle acabou de estourar nas mans o pasado domingo. "O primeiro que nos debe preocupar é que as Illas Cíes son un parque natural, non son Benidorm [dixo en alusión a este símbolo do turismo especulativo de proporcións xigantes]. Como galegas e galegos tamén temos unha responsabilidade cun espazo que ten un altísimo valor ecolóxico, cultural ambiental e que tamén é unha carta de presentación de Galiza no mundo", acrescentou.

 

"Se se chegou a esta situación", analisou Pontón, "foi porque a Xunta permitiu que a burbulla das Illas Cíes [a súa masificación turística] se fose facendo cada vez máis forte"

 

Para Pontón, a reacción política da Xunta perante o desencadeamento do caos nas Cíes é dunha enorme sobre-actuación. Un intento de encobrir as súas responsabilidades cunha cortina de fume. "Ao estalar esta crise, a Xunta comezou a sobre-actuar, con anuncios de que se ía ir á fiscalía", critica Pontón. A Fiscalía si debe axir, alega, mais para "investigar a responsabilidade da Xunta perante tanta indolencia e desleixo na xestión dun parque nacional que ten a máxima protección ambiental".

 

Hai, opina Pontón, materia de abondo para a Fiscalía tomar cartas no asunto contra a Xunta porque "vemos que se violaron todos os regulamentos, que se violou o plano de uso e de xestión".

 

"A xestión do parque natural é unha responsabilidade directa da Xunta da Galiza e nós gostaríamos de que a fiscalía analizase de oficio se hai unha responsabilidade de tipo penal polo desleixo, polo incumprimento da normativa e por tanto, pola actitude de mirar para outro lado e alimentar que esta burbulla turística que se xerou arredor das cíes acabara estoupando dunha forma absolutamente desastrosa", alegou a dirixente nacionalista.

 

"Nós gostaríamos de que a fiscalía analizase de oficio se hai unha responsabilidade de tipo penal [da Xunta] polo desleixo e polo incumprimento da normativa"

 

A xestión comunicativa do goberno galego desta crise é, analisou a portavoz do BNG, "querer dicernos que aquí non pasa nada, que os únicos responsábeis son uns señores que xestionan uns barcos" cando en realidade o goberno galego ten competencias directas sobre o parque.

 

Esas competencias obrigan a Xunta a dar explicacións políticas en sede parlamentar, entende Pontón, quen demanda a Feijóo que vaia ao Pazo do Hórreo "antes de rematar o mes de agosto" para "termos un debate público que evite que esta situación se volte a repetir".

 

As alternativas do BNG 

 

Pontón acompañou as críticas con propostas de mellora da xestión. No curto prazo, o BNG demanda que se poña en marcha un protocolo de vixilancia das visitas e se implante un billete único para todas as navieiras. No meio prazo, e xa cunha perspectiva máis estratéxica, habería que abandonar as concesións privadas do transporte e dotar a Xunta da Galiza dunha compañía pública que preste servizos na Ría.

 

O obxectivo é "evitar que as Cíes se convertan nun Benidorm" e garantir un "turismo sostíbel" e compatíbel coa preservación dos valores ambientais das illas.