A patronal de Pontevedra

Empresarios critican a Xunta por "ollar para outro lado" na sobrevenda de billetes ás Cíes

Unha das embarcacións que presta servizos en Cíes

Unha navieira recoñece abertamente a sobrevenda: "É así, non ten sentido negalo". A Confederación de Empresarios de Pontevedra bate contra a xestión da Xunta neste asunto.

A sobre-venda de billetes non sería unha novidade "deste ano nen dos anteriores", dixo unha portavoz de Piratas de Nabia, unha das navieiras que presta os seus servizos en Cíes. O domingo, por volta de 2.000 persoas non puideron acceder a este espazo natural protexido ao se ter comprobado que se venderan billetes por cima do permitido. Agora fontes do sector recoñecen que é unha práctica habitual, a Xunta -a conselleira Bea Mato- amaga con levar o asunto á Fiscalía e a Confederación de Empresarios de Pontevedra deplora a "má imaxe" que se está a oferecer e acusa o goberno galego de ter ollado para outro lado.

 

"Preocúpanos que, coñecendo os abusos, a Xunta non forzase a adopción dun sistema de control máis eficiente ou que agardase a final da temporada estival para actuar", di a patronal pontevedresa nun comunicado.

 

Esta segunda feira voltou a se producir o fenómeno do domingo, isto é, centos de persoas con billetes irregulares (hai serios indicios de reimpresións fraudulentas de entradas xa vendidas por internet) que ficaron en terra e non puideron deslocarse ás illas. Perante isto, a Xunta anunciou que actuará con "contundencia" para as navieiras aterense escrupulosamente ao cupo de viaxeiros estabelecido en 1994. segundo o cal a capacidade das Cíes é de 2.000 persoas máis 800 campistas.

 

No que vai de ano, a administración galega ten aberto un total de 26 expedientes contra as catro navieiras (Mar de Os, Nabia, Tour Rías e Cruceiros Rías Baixas) que xiren as rotas a Cíes, 6 dos cales por sobre-venda (os correspondentes aos días 3 e 5 de agosto). 

 

Por súa parte, o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, puxo no albo das súas críticas Feijóo. "Nun día a Xunta destrozou anos de traballo en favor das Illas Cíes", dixo. "Se a Xunta non está capacitada, que me ceda as competencias", alegou.