Científicos logran predicir o avance da Covid contemplando as súas mutacións

Unha sanitaria sostén unha vacina da Covid-19 (Foto: Sven Hoppe / Dpa).
A USC, a UVigo e a Universidade de Aveiro, promotoras do proxecto, que foi probado con éxito predicindo a evolución da pandemia na Galiza.

Investigadoras e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade de Aveiro (UA) presentaron hoxe un novo modelo matemático "fraccionario e compartimental" para estimar a evolución da Covid-19 tendo en conta as súas mutacións.

Trátase dun modelo que xa foi aplicado con éxito na análise dos casos da Galiza, Portugal, o Estado español e Europa. A chave desta nova metodoloxía, a diferenza das empregadas anteriormente, é que "permite incorporar a historia de todo o proceso, o denominado efecto memoria", segundo expuxo Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da USC.

Nieto é un dos asinantes do artigo científico que esta terza feira foi publicado na revista Chaos, Solitons & Fractals para explicar en detalle o proceso. Xunto a el participaron Iván Area e Faïçal Ndaïrou, por parte da UVigo, e Delfim F.M. Torres e Cristiana J. Silva, da UA.

Previsións "pésimas"

Esta fórmula permitiu predicir o pasado 27 de decembro a tendencia no ritmo de contaxios por mor do impacto da cepa británica do virus.

"Co 56% máis de infectividade a curva subía moitísimo máis e moitísimo máis rápido, e xa nos permitiu anticipar que habería problemas nos hospitais", sinalaron os autores, que remitiron inmediatamente esta información á Comisión Europea.

As súas previsións de cara ao futuro son "realmente pésimas", debido á alta infectividade e letalidade das novas mutacións do virus.

"Os estados foron desconfinando con menor ou maior amplitude sen ter en conta que non era posíbel facelo aínda, e temos as consecuencias que continúan a día de hoxe", argumentaron.