A ciencia procura respostas ás "excepcionais" interaccións de candorcas con embarcacións

Desde o 10 de agosto, Cemma contabilizou 29 interaccións desta especie ameazada con embarcacións nas costas galegas.

Afeitas a convivir coa presenzade embarcacións, non é habitual que as candorcas que migran desde o estreito de Xibraltar até augas do norte pasando por Galiza se acheguen a elas. Porén, desde o 10 de agosto a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) contabilizou 29 interaccións de exemplares desta especie con veleiros.

Como consecuencia, seis embarcacións tiveron que solicitar axuda aos servizo de Salvamento Marítimo despois de que os danos provocados polo contacto dos animais lles impedisen a navegación.

Apenas hai precedentes nos rexistros de comportamentos similares desta especie, tal e como informou a Comisión Baleeira Internacional, a organización referente no estudo dos cetáceos. A súa excepcionalidade levou expertos e expertas da Galiza a poñerse en contacto con homólogos en Portugal ou no sur do Estado español a través do Grupo de Traballo de Candorcas Atlánticas.

Porén, o "inusual" destes encontros dificulta precisamente a súa comprensión. Así o expuxo nunha conferencia a doutora en Ciencias do Mar Ruth Esteban, que nos seus estudos das familias de candorcas en augas do estreito de Xibraltar tampouco detectara previamente este tipo de interaccións.

Esteban agregou que si tiña constancia de candorcas que aprenderan a aproveitarse das capturas de atún vermello, a súa principal fonte de alimentación, dos pesqueiros do estreito.

A curiosidade e achegamento das candorcas aos barcos non é a única novidade. Na súa migración cara ás augas de Noruega e Islandia, esta especie transitaba pola costa galega mais nunca se detivera nas súas augas durante tantos días.

É máis, sinalaron a posibilidade de que os tres grupos detectados, con máis de doce exemplares, retornen tras adentrarse no Cantábrico. Deles, uns exemplares xuvenís, dous dos cales presentan feridas, protagonizaron moitas das interaccións, seguramente guiados pola "curiosidade"

Limitación da navegación na Galiza

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitou á Dirección Xeral de Salvamento Marítimo que limite a navegación de embarcacións de recreo entre  Ferrol e Cedeira para protexer os navegantes e mais as candorcas, unha especie ameazada.

As investigadoras e investigadores  tamén lanzaron un chamamento a evitar o alarmismo na poboación.