Nove de cada dez habitantes da Coruña están expostos a niveis de ruído prexudiciais para a saúde

Atasco na avenida da Vedra da Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Segundo un informe do ISGlobal, as sete cidades galegas teñen, cando menos, 65% da súa poboación exposta a niveis superiores aos recomendados pola OMS.

Sete cidades galegas expoñen máis de 65% da súa poboación a niveis de ruído prexudiciais para a saúde, segundo indica o último estudo publicado a respecto desta cuestión polo Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal). A revista Environment International publicou os resultados do estudo que avalía os niveis de ruído procedentes do tráfico rodado en 749 cidades europeas e que afecta uns 60 millóns de europeos e europeas, segundo informa nun comunicado o centro impulsado pola Fundación La Caixa.

O tráfico rodado é a fonte principal de ruído ambiental, que estudos anteriores relacionaban con alteracións do sono, enfermidades cardiovasculares e metabólicas, efectos adversos ao nacer, deterioración cognitiva e saúde mental pobre, entre outros. Entre as cidades españolas analizadas no estudo, atópanse sete galegas.

A relación lidéraa A Coruña, a urbe na que máis poboación está exposta a niveis de ruído prexudiciais, 90,4%. Séguea Vigo, con 75,5% dos seus habitantes baixo niveis de ruído nocivos; Ourense, con 74,1%; Lugo, que presenta 73,1%; Ferrol, con 70,6%; Compostela, que conta con 70,2%, e Pontevedra, a única cidade por baixo de 70%, con 65,2% dos seus habitantes expostos.

Os resultados do estudo mostran que máis de 48% dos 123 millóns de adultos incluídos no estudo soportan niveis de ruído superiores ao recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que recomenda que o nivel de ruído medio rexistrado ao longo de 24 horas non exceda os 53 decibeis, e cumprir con estas recomendacións evitaría cada ano "máis de 3.600 mortes por cardiopatía isquémica".

25 mortes evitábeis

No que atinxe ás mortes evitábeis e relacionadas cos niveis de ruído, a Galiza suma, entre as sete cidades que se atopan na clasificación, 25 falecementos que se podían evitar. Máis unha vez, A Coruña lidera a lista de cidades galegas, con nove óbitos que se poderían previr. Se se ordenan as cidades analizadas do Estado español con base neste parámetro, A Coruña ocupa o posto 11º.

Por detrás, aínda que tamén no 'top 20' a nivel estatal, está Vigo, con seis mortes evitábeis. Séguea Ourense, con tres falecementos; Lugo, Ferrol e Compostela, con dúas mortes cada unha, e Pontevedra, cun pasamento.

Cidades españolas e europeas

O persoal investigador detallou os datos de capitais europeas e a porcentaxe de poboación exposta a niveis de ruído do tráfico por riba do recomendado pola OMS: Ámsterdam (47,3%), Berlín (29,8%), Bruxelas (30,3%), Copenhague (46,5%), Lisboa (40,6%), Madrid (43,8%), Oslo (62,5%), París (66,9%), Roma (60,5%) e Viena (86,5%).

Por cidades españolas, os investigadores tamén salientaron os resultados de Barcelona (83,4%), Bilbao (94,1%), As Palmas (86,8%), Málaga (90,6%), Sevilla (88,7%) ou Valencia (86,4%). Aclararon, con todo, que os resultados das distintas cidades non son comparábeis entre si, "debido á heteroxeneidade dos datos dispoñíbeis sobre o ruído do tráfico rodado e á falta de calidade" dos mapas de ruído de moitas cidades europeas.