A cidadanía de todo o Estado que máis opta pola sanidade pública é a galega

A porcentaxe da cidadanía galega que opta pola sanidade pública (76,5%) supera en 8,6 puntos a media estatal. (Infografía: Nós Diario)
Os datos do último Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade non deixan lugar a dúbida: 76,5% da poboación galega prefire o sistema público en canto á Atención Primaria, 62,3% en consultas especializadas, 83% en urxencias e 84,2% en Atención Hospitalaria. A galega é a cidadanía de todo o Estado que máis opta pola pública.

76,5% das galegas e dos galegos prefiren o sistema público de saúde fronte ao privado. Segundo as cifras achegadas polo Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade para 2022, a porcentaxe da cidadanía galega que opta pola sanidade pública supera en 8,6 puntos a media estatal. A Galiza é a comunidade do Estado onde máis cidadáns elixen a sanidade pública. A continuación sitúase Euskadi, cunha porcentaxe de 75,8%; e Castela e León, con 75,6%. Nun sentido contrario, a poboación das Illes Balears e de Canarias é a que máis aposta pola privada, optando polo modelo público 60,2% e 62,3%, respectivamente.

O grao de preferencia na Galiza pola sanidade pública en xeral (76,5%) repítese no caso da  Atención Primaria pública. Neste caso, marca unha diferenza coa media estatal (68%) de 7,9 puntos, situándose este nivel asistencial na Galiza por baixo de Nafarroa, onde 77,6% da súa poboación aposta pola pública, e en Euskadi, que rexistra unha porcentaxe de preferencia de até 76%. Illes Balears e Andalucía colócanse á cola neste nivel sanitario.

Así, no primeiro caso só 58,9% da poboación prefire a sanidade pública e no segundo 62,9%. Neste sentido, Illes Balears é o territorio do Estado con máis seguros sanitarios privados en Atención Primaria, en boa medida como consecuencia da alta porcentaxe de estranxeiros  residentes no seu territorio.

63,2% da poboación galega aposta pola sanidade pública para as súas consultas especializadas. Neste sentido, sitúase 6,8 puntos por riba da media do Estado, colocándose por diante da Galiza Nafarroa, cunha porcentaxe de 63,7%, e igualando con Euskadi. Murcianos e rioxanos son os que máis apostan neste caso polo modelo privado. Nesa liña, 41,7% de residentes en Murcia e 39,3% da Rioxa  prefiren a sanidade privada. A continuación, aparecen os estremeños, con 38,7%, e os madrileños, con 34,9%.

84,2% da poboación galega escolle os hospitais públicos para as súas intervencións en tratamentos, situándose 9 puntos por encima da media estatal. Por riba da cidadanía galega aparece a cántabra, cun nivel de aceptación a esta fórmula de xestión de 85% e xusto por baixo Castela e León, nunha porcentaxe de 84%. Balears e Catalunya lideran na Atención Hospitalaria a preferencia pola sanidade privada. Mentres os primeiros optan por este sistema nunha cifra de 25,7%, os segundos fano en  26%. A continuación destes  volven a aparecer os andaluces cunha aprobación á privada de 24,6%.

Nas urxencias tamén perde a privada

83% dos galegos e das galegas prefiren o sistema público para a atención de urxencias. Neste caso, marcan unha diferenza de 11,5 puntos sobre a media estatal, cifrada en 71,5%. A continuación da cidadanía galega sitúanse os cántabros, cun índice de 81,5%, e os asturianos, con 80,7%. Balears e Catalunya encabezan neste caso a aposta polo sistema privado. Así, no primeiro caso só 63,7% da poboación prefire a sanidade pública e no segundo 64%. A continuación, colócanse cunhas cifras análogas Andalucía e o País Valencià, onde 67,3% da poboación opta polo modelo público.

As cifras sobre a preferencia da cidadanía galega pola sanidade pública están na liña dos datos achegados en anteriores anualidades polo Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade. Nesta dirección, os datos dos últimos anos xa situaban Galiza á cabeza do Estado en preferencia polo sistema público.

O último Barómetro Sanitario anterior á pandemia, con información de 2019, recollía que 75,96% das galegas e dos galegos optaban polo sistema público. Porén, a política de recortes da Xunta da Galiza déixase notar na aposta pola pública: 80,5% da poboación galega prefería a atención sanitaria pública en 2012. Após unha década, esta porcentaxe tense reducido en 4 puntos, sendo o motivo principal de queixa co funcionamento do sistema as elevadas listas de agarda e a limitación da atención presencial.

SOS Sanidade suma apoios institucionais

A Deputación da Coruña aprobou esta sexta feira unha moción na que insta a Xunta da Galiza a mellorar o "deficiente sistema asistencial" en Atención Primaria, ademais de expresar o seu apoio á mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago para o 12 de febreiro. Así se recolle na moción presentada polos grupos do BNG e do PSdeG e aprobada co voto favorábel do resto de grupos —Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños—, salvo o PP.

A moción expón "a preocupación da cidadanía" ao comprobar como o sistema sanitario "está a evidenciar debilidades, xeradas por unha xestión errática e unha visíbel desatención" e denuncia que a Xunta reduciu desde 2009 o orzamento da Primaria en 140 millóns de euros. A institución coruñesa súmase así ao apoio a SOS Sanidade expresado desde as Deputacións de Lugo e de Pontevedra.